Cineuropa, Diario Cultural e Viñetas desde o Atlántico optan ao Premio Culturgal

O Premio do Público Culturgal 2014 xa ten candidatas. Cineuropa, Diario Cultural e Viñetas desde o Atlántico optan a se converter nos segundos galardóns da feira da cultura, tomando o relevo do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. 

Culturgal
photo_camera Culturgal

Até o 18 de novembro a páxina de Culturgal está aberta á votación do público para a elección da candidatura gañadora da segunda edición do premio da feira das industrias culturais que se desenvolverá do 5 ao 7 en Pontevedra. 

O obxectivo do premio é recoñecer un proxecto cultural a través da participación popular para o que as asociacións que forman parte de Culturgal propoñen tres candidaturas finalistas, o festival Cineuropa dirixido por Xosé Luís Losa no Concello de Santiago, o Diario Cultural que dirixe Ana Romaní na Radio Galega e Viñetas do Atlántico, da Coruña, dirixido por Miguelanxo Prado. 

O premio será entregado no marco do propio Culturgal, o domingo día 7. Será a opción máis apoiada na web da Feira, que estará aberta para recibir votos “internautas” desde esta quinta feira 30 de outubro até o 18 de novembro. 

Valores das candidatas

Destacan de Cineuropa ser “a festa do cine na capital galega durante o mes de novembro, desde 1987 apoiado polo concello de Santiago de Compostela como iniciativa pública que mantivo o seu compromiso co público de maneira ininterrompida”. En canto ao Diario Cultural da Radio Galega , en antena desde 1990-91, dirixido por Ana Romaní fan fincapé no seu papel de difusor da nosa cultura e, ao tempo, plataforma de creación a través de distintas iniciativas. Do salón de cómic internacional,  "Viñetas desde o Atlántico" valoran a súa condición de encontro de ámbito internacional e, ao tempo, promotor da banda deseñada galega cun programa estábel que se mantén desde 1998. 

Comentarios