Cineuropa ábrese á competición nun certame co totalitarismo como tema

O festival, que contará con 161 filmes -88 poderán verse de forma gratuíta previa reserva das butacas-, renóvase polo 35 aniversario. En consecuencia, recibirá doce propostas audiovisuais que concorrerán polos grandes premios. Nove destas achegas terán en Compostela a súa estrea absoluta no Estado español.
Un momento da presentación de Cineuropa, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un momento da presentación de Cineuropa, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Apenas uns días despois de convidar o público á interacción para adiviñar cal sería o eixo temático da XXXV edición, o Festival Cineuropa dá a sorpresa anunciando que esta data sinalada vai ser aproveitada para reconverter a proposta cinematográfica nun certame con competencia. Respecto do ámbito ao que aludiran as achegas audiovisuais, o totalitarismo será a chave para as proxeccións que decorrerán en Compostela entre o 8 e o 24 de novembro. 

Na presentación oficial do evento, decorrida esta cuarta feira coa participación do alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o propio director do festival, José Luis Losa, trasladouse que a exhibición contará con 161 películas, das que a asistencia a 88 será gratuíta.

Porén, a gran novidade non é outra que a mudanza dunha cita de impulso do cinema a unha convocatoria competitiva. A sección a concurso nace, segundo a organización, "con doce títulos que chegan con todos os parabéns de Sundance, Cannes ou Locarno". 

De feito, da ducia de proxectos audiovisuais, nove terán a súa estrea absoluta no Estado na Galiza. Para elixir a mellor proposta e fornecer os resultados nas categorías de mellor dirección, guión, actor e actriz protagonistas, contarase cun xurado internacional formado pola directora Gabriela Guillermo, a crítica de cinema Inma Merino e o cineasta compostelán Alfonso Zarauza. Malia esta versión profesional, o público continuará a ter un papel determinante no festival, como xa o tivo nos días previos ao anuncio desta cuarta feira. 

Este poderá decidir cal é a súa película favorita. Ademais, botarase man do Xurado Novo -composto por mozas e mozos de 18 a 25 anos afeccionados a esta arte- para outros galardóns que se viran paralizados debido á edición reducida de 2020 derivada da situación sanitaria.

Aliás, entregaranse premios a persoeiros do cinema como Navad Lapid e Verónica Forqué. 

No total de dezanove seccións haberá 161 proxeccións, con arredor da metade de asistencia gratuíta previa reserva. Malia chegar de distintos países e creadores, terán en común o eixo temático do totalitarismo, ao que fai referencia a imaxe simbólica que representa a XXXV edición de Cineuropa. 

As salas elixidas son o Teatro Principal, o Salón Teatro, Numax, Multicines Compostela, o Museo das Peregrinacións e o Auditorio da Galiza. 

Comentarios