venres 17/09/21

O cinema volve gradualmente ás salas galegas

Malia a chegada da fase 2 do desconfinamento á Galiza o pasado 25 de maio, a xa permitida apertura das salas de cinema non foi inmediata. De facto, até esta semana non comezou a facerse efectiva, pois a preparación está a ser complexa. De maneira gradual e con capacidade reducida á metade, van abrindo algunhas salas, grandes e pequenas, aínda que a maioría semella que agardarán aínda até finais deste mes. 
sala de cinema

As datas baralladas nun comezo desde as salas de exhibición para o retorno ían entre o 19 e o 26 de xuño, mais parece que se adiantaron un chisco. A agarda respondía quer á pouca claridade dos protocolos e ás adaptacións requiridas quer á ausencia de estreas.

O primeiro en reabrir foi casualmente o máis antigo da Galiza, o cinema de Seixo, en Marín. Fundado en 1943, volveu acender o proxector a pasada fin de semana para pasar unha sesión dobre para público infantil (Voando xuntos) e adulto (Especiais). A vindeira sexta feira retomará filmes en cartel en marzo, coa fita de animación Onward e o thriller O escándalo. A idea é recuperar a programación semanal, explica Perfecto Carballo, o responsábel, primeiro con estas obras que ficaron "colgadas" co estado de alarma e logo coas estreas, a medida que cheguen de novo.

"Houbo unhas 40 persoas en cada sesión", conta Carballo, que non encheron o terzo da capacidade permitida –por volta de 66 butacas das 200 totais, no seu caso. "Pero agora xa é distinto", comenta, pois coa entrada na fase 3 a pasada segunda feira o público aumenta á metade. A separación entre os asentos incrementouse e o público debía lavar as mans ao entrar e saír, levando a máscara posta. Estas son as medidas que veremos no resto das salas segundo vaian recuperando a actividade.

As dúas grandes empresas de cinema asentadas no país, Cinesa e Yelmo, estiveron tamén valorando a situación. Finalmente, a primeira optou por comezar abrindo tres das súas salas estatais o 8 de xuño, entre elas a do centro comercial As Cancelas (Santiago). Con asentos limitados para garantir cadeiras baleiras entre as asistentes, os horarios de inicio de sesións son progresivos para reducir as colas e promóvese a venda de entradas online. Do mesmo modo, os puntos de corte dos billetes procuran evitar o contacto interpersoal. Aos clásicos flocos de millo e demais alimentos e bebidas, que son para moitas acompañamento indispensábel da proxección, ofrécense "preenvasados". Segundo remite a empresa a Nós Diario, polo momento non queren facer declaracións arredor das futuras datas de reapertura na Galiza.

Yelmo, pola súa banda, anunciou o retorno progresivo das súas salas estatais, pero ningunha das situadas na Galiza –en Lugo, A Coruña e Vigo– ten aínda data estabelecida. Igualmente, Galicine mantén fechados os seus cinemas en Carballo, Monforte, Ribeira, Vilagarcía, Vigo (Praza Elíptica), Pontevedra e Ourense. Tamén os de Narón, da cadea Odeón, continúan sen dar a coñecer cando voltarán á actividade. Outras máis pequenas, como os Multicines Compostela (Santiago), os Norte (Vigo) ou os Cristal (Lugo) tampouco anunciaron sesións. Desde os Códex, en Lugo, sinalan que "aínda non temos data concreta", mais agardan que se poida a finais de xuño.

Salas independentes

"Precisabamos tempo para aplicar e estudar os cambios", explica Ramiro Ledo, responsábel do cinema Númax, que traslada a súa ilusión ante o reencontro co público que se producirá mañá, co filme de Jonh Cassavettes Noite de estrea, unha sesión para a que as entradas xa están esgotadas. Entre os cambios que veremos a nivel usuario, á parte da distancia de seguridade ou o uso de máscaras, apunta a maior previsión para a adquisición das entradas ou que as filas se farán fóra. Nesta primeira semana, Numax terá só un pase polas tardes, para probar como funciona todo, mais a idea é chegar aos tres, fronte aos catro que se facían antes. A redución é precisa para garantir a desinfección da sala e o cambio no filtrado do aire. No caso dos Dúplex, o proxecto irmandado de Ferrol, a volta das proxeccións producirase o próximo 19 de xuño. 

Desde estes dous proxectos fíxose un esforzo especial por manter o contacto co público –con gran peso do habitual e abonado– durante o confinamento, ofrecendo unha programación de vídeo desde a casa ou mesmo xestionando unha subscrición de tres meses á plataforma Mobi.e para as socias. Agora, séntense agradecidas pola boa acollida que xa están sentido na venda virtual. 

Tamén nas vilas

"Fronte aos cinemas de centros comerciais, os da pequenas vilas témolo máis sinxelo co protocolo", opina Luis Rivadulla, dos Minicines Central da Estrada, con dúas salas dunha capacidade de 100 persoas. Xusto viñan de reformar as instalacións o pasado ano para, entre outras cousas, separar máis as butacas, ao que agora tiveron que sumar intervencións no filtrado de aire. "O trato coa clientela é moi persoal e penso que temos as vantaxes do pequeno comercio", di Rivadulla, que tamén sinala a volta de sistemas antigos como o de "acomodar a xente". A súa data de reapertura vai ser o 26 de xuño. Decidiron agardar polos filmes de estrea e o seu maior poder de convocatoria, considerando arriscado abrir antes e ter a sala baleira.

"A distancia entre funcións vaise notar a nivel da taquilla", opina Rivadulla. Iso, sumado á capacidade, fai que os ingresos vaian ser bastante baixos, "pero é mellor que estarmos fechados", di, aínda que "custa igual abrir para 1 que para 200". Con todo, observa sen excesivo pesimismo a situación: "estou seguro de que non vai haber problema e a xente vai vir ao cinema". Rivadulla agarda que a COVID-19 non sexa o andazo definitivo que leve por diante as salas pequenas que resisten en vilas como Caldas de Reis (Avenida), Nigrán (Imperial) ou Xinzo de Limia (Gesma). Neste senso, pon a esperanza nalgunha axuda local ou estatal, pois "da Xunta hai moitos anos que non sabemos nada". E quen sabe, se cadra, esta pode ser unha oportunidade para "volver ás cousas sostíbeis", atrévese a imaxinar

comentarios