O cinema que vén: 16 estreas para 2016

Grandes directores, secuelas, sagas, spin-offs, adaptacións literarias, cinema galego... Unha ollada rápida aos filmes máis esperados do novo ano: 

tarantino
photo_camera 'The hateful eight'

1. OS OITO ODIOSOS de Quentin Tarantino
Tarantino volve ao Oeste con guión propio, banda sonora de Ennio Morricone e varios dos seus actores e actrices fetiche: Samuel L. Jackson, Kurt Russell, Tim Roth, Michael Madsen... A cousa promete. Estrea en xaneiro.

2. O RENACIDO de Alejandro González Iñárritu 
Iñárritu deixou o listón moi alto con Birdman, pero O renacido semella estar á altura. Cando menos mete a Leonardo Di Caprio en todas as quinielas cara os Óscar. Será esta a definitiva? Estrea en febreiro.

3. AVE CÉSAR! de Joel e Ethan Coen
Outros que volven á palestra son os irmáns Coen, desta volta cunha comedia ambientada no Hollywood dos anos 50 e cun reparto estelar: George Clooney, Scarlett Johansson, Ralph Fiennes, Josh Brolin ou Frances McDormand... Estrea en febreiro.

4. BATMAN VS. SUPERMAN de Zack Snyder
Será capaz Ben Affleck de calar todas esas bocas críticas que non dan creto a que poida encarnar con solvencia a Batman? Aquí pelexa contra o Superman encarnado por Henry Cavill para iniciar unha nova saga entorno á Liga da Xustiza. Estrea en marzo.

5. CEN ANOS DE PERDÓN de Daniel Calparsoro
Vaca Films produce unha de atracos dirixida por Daniel Calparsoro e protagonizada por Luís Tosar que encarna ao líder dunha perigosa banda de ladróns de bancos. Máis nada é o que parece... Estrea en marzo.

6. CAPITÁN AMÉRICA: CIVIL WAR de Anthony e Joe Russo
Se gustou Batman contra Superman, hai outra oportunidade de ver superheroes dándose estopa: os que seguen ao Capitán América contra os que apoian a Ironman. Pinta a final épico do Universo Marvel... Estrea en abril.

7. X-MEN: APOCALIPSE de Bryan Singer
Charles Xavier tratando de salvar a humanidade contra a alianza de Magneto e o mutante máis poderoso do universo: Apocalipse. Dirixe novamente Bryan Singer que continúa a saga coas versións novas dos mutantes. Estrea en maio.

8. BUSCANDO A DORY de Andrew Stanton e Angus MacLane
A esperada secuela de Buscando a Nemo de Diney/Pixar chega por fin para amenizar a temporada estival de nenos e maiores. Agora é Dory quen vai na procura da súa familia. Risas aseguradas. Estrea en xuño.

9. MEU AMIGO O XIGANTE de Steven Spielberg
No centenario do nacemento de Roal Dahl non podía faltar a pertinente homenaxe. E quen mellor que Steven Spielberg para facelo? John Williams na banda sonora, Janusz Kaminski na fotografía e Mark Rylance no elenco auguran unha boa adaptación. Estrea en xullo.

10. ESCUADRÓN SUICIDA de Paul Feig
Unha recua dos máis indesexables líderes do crime recibe un perigoso encargo que quizais poida redimilos. Unha especie de 12 do patíbulo pero con súper-viláns. Expectación por ver que tal as gasta Jared Leto como Joker. Estrea en agosto.

11. SICIXIA de Ignacio Vilar
Ignacio Vilar tratará de repetir o brutal éxito de A Esmorga pero agora con guión orixinal sobre unha viaxe sensorial polos lugares máis recónditos da Galiza. Queda marcada en vermello no calendario. Estrea en setembro.

12. UN MONSTRO VÉN VERME de Juan Antonio Bayona
Reparto internacional para a nova do director de O orfanato e O imposíbel, un drama con toques fantásticos que volve poñer sobre o tapete as relacións materno filiais, pechando, o que parece ser, unha triloxía moi persoal. Estrea en setembro.

13. INFERNO de Ron Howard
Nova adaptación da obra de Dan Brown dirixida por Ron Howard e protagonizada por Tom Hanks. Desta volta o profesor Robert Langdon investigará os misterios que pululan arredor da obra de Dante. Estrea en outubro.

14. SULLY de Clint Eastwood
Que Clint Eastwood siga dirixindo xa é para celebrar. Aquí narra outra historia humana baseada en feitos reais arredor do piloto que logrou aterrar o Voo 1549 de US Airways no medio do río Hudson. Estrea en novembro.

15. ROGUE ONE de Gareth Edwards
Primeiro dos tres spin-off de Star Wars que se van ir presentando alternativamente cos episodios oficiais da saga. Estará ambientado entre os episodios III (A vinganza dos Sith) e o IV (Unha nova esperanza). Estrea en decembro.

16. ASSASSIN’S CREED de Justin Kurzel
Michael Fassbender e Marion Cotillard póñense de novo as ordes de Justin Kurzel, tras a impoñente versión que fixeron de Macbeth, para adaptar á pantalla un dos videoxogos máis emblemáticos da última década. Estrea en decembro.

Comentarios