Sábado 4 de agosto en Entrimo

Cinema rural na Raia Seca

Entrimo, xusto onde unha raia imaxinaria pretende separar Galiza de Portugal, será por segundo ano consecutivo epicentro do “cinema rural arraiano”. O Colectivo Arraiano organiza un encontro cultural que xuntará este sábado, 4 de agosto, o dramaturgo e actor Quico Cadaval, o escritor Xosé Benito Reza ou o filme Herança, do portugués Flávio Cruz.
 

quico cadaval
photo_camera O actor e dramaturgo Quico Cadaval, que será nomeado Arraino Maior nos Encontros de Cinema Rural de Entrimo. Foto: cedida.

A xornada -organizada en colaboración co concello- comeza ás onde da mañá coa presentación na casa consistorial de Terradentro (Xerais, 2017), a primeira e galardoada novela de Xosé Benito Reza. A obra cruza tres historias: a morte violenta dun vello fidalgo no seu propio caserío, a procura de tesouros na Raia Seca e a aparición da cadela do primeiro pintada de verde.

Unha hora máis tarde será un dos actos centrais do día: imposición da distinción de Arraiano Maior. Desta volta, o Colectivo Arraiano acordou por unanimidade sinlar a figura de Quico Cadaval. “Recoñecemos a súa traxectoria e compromiso ligado á cultura oral e o patrimonio inmaterial a ambos os dous lados da Raia”. Un mesa redonda sobre a “identidade cultural” do Entrimo. Nela sentará Xosé Lamela, especialista nas lendas do Xurés.

Xa pola tarde, a partir das seis, o cinema adoptará o papel protagonista do encontro. Haberá proxección de curtametraxes de tema rural e debates posteriores. Ás oito do serán, o propio Cadaval amosará aos asistentes outra das súas facetas, a de contacontos.

Os II Encontros Arraianos de Cinema Rural pecharán co pase do filme Herança (2017), do portugués Flavio Cruz. Será no Campo da Feira da Terrachán e será estrea no Estado dun documental que “retrata de forma xenuína e fiel os procesos de socialización e transmisión de valores culturais e sociais en festas e romaría de Viana do Castelo”.

Comentarios