Cinema Rabudo dará voz ao inconformismo

A ONGD Agareso -Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social- está detrás deste novo ciclo de cinema que xorde en Compostela. As proxeccións de temas como o feminismo, os dereitos humanos ou as migracións decorrerán do 22 ao 26 de novembro nos Multicines Compostela.
Fotograma do documental sobre as e os xornaleiros de Lepe. (Foto: Agareso)
photo_camera Fotograma do documental sobre as e os xornaleiros de Lepe. (Foto: Agareso)

A ONGD Agareso -Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social- anunciou esta terza feira o nacemento da primeira mostra galega de audiovisual inconformista, que chega ao ámbito cultural galego baixo o nome de Cinema Rabudo.

O certame, orixinado grazas ao apoio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Política Social, estrearase este próximo 22 de novembro con oito proxeccións nas salas dos Multicines Compostela. 

A organización explicou que esta proposta xorde “co fin de xerar un espazo de encontro para o audiovisual crítico e inconformista e incitar ao debate e á reflexión sobre problemáticas sociais de actualidade”.

É dicir, neste festival terán cabida temáticas como o feminismo, o ecoloxismo, as migracións, os dereitos humanos e a multiculturalidade. Polo menos é o que se poderá ver nas primeiras oito películas que poderá ver o público. 

Porén, a proposta non só estabelece citas coa pantalla grande senón que fornecerá encontros coas autoras e autores das obras, para que se abran debates co público. 

Estrea coa realidade das xornaleiras

A apertura do ciclo recaerá na curtametraxe El amargo sabor de las naranjas, realizada por alumnas do Seminario de Comunicación e Cooperación Internacional de Agareso e a Asemblea de Cooperación pola Paz.

A cinta explica a situación das e dos traballadores temporais das producións froiteiras de Lepe, unha coñecida localidade andaluza. As outras tres curtas serán as gañadoras do último certame Edita: Las flores que arrancas, Je suis nue e O afeto e a rúa.

A iniciativa prolongarase até o 26 de novembro e todos os pases serán ás 20 horas. As entradas serán gratuítas até completar a capacidade dispoñíbel.

Comentarios