O cinema postpunk debrúzase sobre a xanela do CGAI

O ciclo de cinema This is Now: film and video after punk propón unha ollada ás formas de expresión revolucionarias que xurdiron a comezos dos oitenta no Reino Unido, cuxa influencia desafiante se rastrexa na produción audiovisual contemporánea. 

Ciclo cinema after-punk

O CGAI (A Coruña) acolle este mes de xuño o ciclo This Is Now: Film and Video After Punk. Esta retrospectiva, producida pola distribuidora británica LUX, conmemora a produción de cinema e vídeo independente no Reino Unido na era postpunk (1978-1985), cando o abaratamento das tecnoloxías de gravación permitiu que novas voces, moitas delas marxinadas, saísen á luz. Alén do seu valor histórico, o interese deste ciclo atópase na súa influencia nos vídeos de Internet e no cinema actual. A mostra chega a Galiza após de visitar Noruega e Xapón, e collerá logo rumbo aos Estados Unidos.

Cara a comezos dos oitenta produciuse unha revolución na produción alternativa de imaxes, grazas ao uso de tecnoloxías caseiras (fitas VHS, Super 8, 16mm), empregadas para subverter os medios mainstream, desafiar os convencionalismos e atopar outras formas de expresión. Clubbers, estudantes de Belas Artes, novos románticos e membros da escena postpunk actuaban baixo a filosofía máis punk do Do it yourself, permitindo a colectivos tradicionalmente marxinados (como mulleres, negros ou homosexuais) ocupar espazos e desenvolver técnicas expresivas propias. Derek Jarman, John Maybury, Cerith Wyn Evans, Isaac Julien, Grayson Perry ou a directora de videoclips pop Sophie Muller serán os grandes protagonistas das proxeccións do CGAI nas vindeiras semanas.

PROGRAMACIÓN

This is now: film and video after punk está formado por sete programas que aglutinan pezas audiovisuais breves, moitas delas accesibles por primeira vez en máis de tres décadas, que foron restauradas polo BFI National Archive. As proxeccións terán lugar cada terza feira de xuño, na sala Durán Loriga. 

Ciclo cinema After-Punk 2O ciclo inaugurouse o pasado 7 de xuño con Permorming the self, peculiar mestura de filmes experimentais e vídeos pop arredor dunha das máis potentes herdanzas do punk: os novos xeitos de pensar a identidade, a un mesmo e o corpo. As fronteiras do xénero esvaecen e o uso de máscaras e maquillaxe desafía as convencións da construción da identidade e a representación.

O 14 de xuño proxectarase a selección Home taping, artellada arredor do saqueo dos medios dominantes perpetrado polos artistas, até os converteren nunha biblioteca de recursos inesgotables empregados con fins provocativos. Xa sexa filmando o televisor cunha Super 8 ou copiando fitas VHS, xustapúñanse materiais dispares para rachar co discurso dominante e crear unha nova música visual. O programa inclúe exemplos de Scratch Video, como Tilt e Branson de George Barber, filmes dos Duvet Brothers ou dos Gorilla Tapes. No mesmo día o CGAI acollerá Just Images, pezas postpunk que interrogan ou mesmo anulan a integridade moral, política e simbólica da imaxe. Esta escolma contén Court of Miracles, filme de John Maybury en colaboración coa cantante Siouxsie Sioux e o deseñador de moda David Holah, que esboza unha reflexión arredor dos xéneros como construción social. 

O programa inclúe exemplos de Scratch Video, como Tilt e Branson de George Barber, filmes dos Duvet Brothers ou dos Gorilla Tapes

Before and after Science será a proposta do 21 xuño, con Grayson Perry, Anna Thew e Steven Chivers como creadores de estraños mundos lo-fi, que se resisten ao patriarcado cristiá e ás convencións cinematográficas clásicas. Relatos populares e crenzas pagás re-imaxinadas en Super 8 converten Londres nun desolado mundo postapocalíptico.

Como peche de ciclo, o día 28 están previstos dous programas: Through a glass, darkly” e “Entering the Dream Space. O primeiro trata a condición do vídeo independente como antídoto revolucionario contra o sistema televisivo, permitíndolles aos artistas vencer a censura e crear unha plataforma para marxinados e insatisfeitos. Esta selección ecléctica inclúe a obra de John Smith Echo and the Bunnymen: Shine So Hard. A derradeira escolma centrarase no uso da imaxinería relixiosa, os efectos de cor e outras técnicas, para xerar un novo e transcendental estilo cara a finais da era postpunk. Exemplos de traballos de madurez visual xa consolidada expóñense con outras pezas alucinóxenas que exploran a natureza do soño.


As imaxes están tiradas de Lux.Org

Comentarios