O cinema lembra os seus creadores

Esta segunda-feira comemórase o aniversario de Serguéi Eisenstein e David Wark Griffith, considerados percursores da linguaxe cinematográfica contemporánea

Sen titulo (1)
photo_camera Griffith e Einsestein

Un 22 de xaneiro de 1898, nacía en Riga Serguéi Mijáilovich Eizenshtéin -transcrición do seu nome en letón-, considerado como un dos pais da montaxe cinematográfica. Cento vinte anos despois, o cineasta de orixe xudea é lembrado pola súa aportación á elaboración dun novo código de expresión na sétima arte. Aínda que comezou a súa carreira como dramaturgo, Eisenstein mudou de vocación aos vintecinco anos para se mergullar nunha industria que aínda estaba a dar os primeiros pasos.

Autor de mais de vinte títulos, cómpre destacar Outubro -filme no que retrata os acontecementos do Palacio de Inverno durante a Revolución de 1917- ou A greve -montaxe rítmica que amosa esceas de matadoiro xunto a fusilamentos de operarios por soldados zaristas-.

A arte ao servizo da revolución

O director consideraba que a arte podía ser útil para a revolución soviética. A partir daí, Eisenstein comezou a xogar co potencial da montaxe para manipular as emocións da audiencia a través dunha combinación rítmica de moitos planos. Na súa grande obra O acorazado Potemkin chega a utilizar 1.290 planos para imprimir un ritmo vertixinoso que alcanza o clímax na célebre escena da escalinata de Odessa.

Logo destes éxitos que o encumbraron, o director viaxa aos EUA a e acaba por retornar á URSS, onde remata exercendo a docencia. Finado no ano 1948 por causa dun infarto, este artista foi tamén recoñecido polo uso das masas, do colectivo, como ente protagonista nas súas historias.

Griffith e a montaxe paralela

Esta segunda-feira tamén é o aniversario de David Wark Griffith, nado tamén a 22 de xaneiro, en 1875. Griffith é nomeadamente recoñecido polo seu filme O nacemento dunha nación (1915) -historia sobre dúas familias en conflito durante a Guerra de Secesión norteamericana-, no cal consegue fixar todas as convencións que aínda hoxe seguen a ser válidas na linguaxe do cinema contemporáneo.

O propio Eisenstein, 23 anos mais novo que Griffith, declaraba que este “inventara todo, non hai cineasta no mundo que non lle deba algo”. O director estadounidense entrou na industria cinematográfica tan só 20 anos despois de que os irmáns Lumière estrearan a súa peza Tren chegando á estación, e conseguiu dotar de dimensión artística unha actividade que, até ese momento, era entendida como un simple entretemento.

Influído pola narrativa de Dickens, Griffith innova no eido narrativo a través do uso do melodrama, dos flashbacks e, a nivel mais técnico, nos movementos de cámara, a iluminación como elemento dramático ou o xogo coa profundidade de campo. A montaxe paralela, coñecida polo seu aproveitamento para a construcción do clímax, foi tamén unha invención deste director.

Comentarios