O Festival Curtocircuíto de Compostela fai 15 anos

Sobre o cinema como explorador de terras ignotas

O cinema que transita polas periferias, que procura linguaxes alternativas, que se vale de materias inauditas, que se relaciona co real inmediato, é o que interesa ao Festival Internacional de Cine Curtocircuíto de Compostela. Este sábado, 29 de setembro, comeza a súa décimo quinta edición.
 

Ulrich_Seidl
photo_camera O cineasta austríaco Ulrich Seidl, ao que se lle dedica unha das retrospectivas da 15ª edición de Curtocircuíto. Foto: cedida.

“Mantemos a procura de novas formas e linguaxes cinematográficas no cinema mundial”, explica a organización, que presentou esta terza feira a programación, “ao tempo que a programación inclúe seccións que xuntan o espírito vangardistas co festivo e enfatizan o vínculo do festival coa cidade”.

Catro retrospectivas forman, xunto a sección oficial, o esquelete do Curtocircuíto. “O risco é a súa característica común”, afirma desde o certame. O austríaco Ulrich Seidl -controvertido e brutal diseccionador da realidade contemporánea-, Bertrand Mandico -“responsábel dun dos universos estéticos máis excéntricos do cinema reccente”-, o retrato da “América profunda” de Roberto Minervini e mais Jessica Sarah Rinland será os protagonistas.

As sección competitivas -Radar, Explora, Planeta Gz e Penínsulas- proxectarán 64 filmes, 31 deles estrea no Estado español. O festival, un total de 158. E haberá atención especial “ao cinema galego e á identidade de Santiago de Compostela”.

Relación cos países lusófonos


Baixo o título de Curmaos, e en colaboración co Instituto Camões, recolleranse filmes de países lusófonos. Terra dedícase a cineastas galegos “cunha traxectoria consolidada”. Serán Xacio Baños e Jaione Camborda; o primeiro vén de pasar Trote en Donosti e a segunda ultima a súa primeira longametraxe.

Sobre a cidade versará a Carta branca a Ezequiel Méndez. O histórico fundador do Cine-Club Universitario de Compostela proxectará dúas obras “con visións opostas da cidade”, en colaboración co actual Cineclube de Compostela. Lois Patiño estreará O espírito de Pucho Boedo, en que rexistra a banda compostelá Novedades Carminha gravando A Santiago voy, o clásico dos Tamara.

Actividades paralelas completarán o cartaz. Un dos pratos fortes será a Festa do 15º Aniversario, o 5 de outubro na Sala Malatesta, con música de Baiuca, Sunset Rollercoaster ou os picadiscos DJ Firmeza e DJ Nigga Fox.

O Concello de Compostela organiza o Festival Curtocircuíto co apoio da Deputación da Coruña e o Agadic.

Comentarios