Cinema etnográfico en Ribavia

Esta quinta feira comeza no Museo Etnolóxico de Ribadavia a terceira edición do ciclo ‘Cine de Outono. Miradas etnográficas’ que proxectará catro filmes ao longo deste mes de decembro.

filmes-ribadavia

Esta quinta feira poderemos ver o primeiro deles no Museo: ‘Festa, trabalho e pao em Grijó da Parada’, un filme portugués de 1974 que mestura as antigas tradicións dos caretos, personaxes mascarados, típicos das festas do ciclo de inverno e do ciclo de primavera. Esta mediametraxe é un dos primeiros documentais do Novo Cinema portugués que se insere na práctica da antropoloxía visual, utilizando as técnicas do cinema directo na vida dunha aldea típica de Trás-os-Montes.

Na terza feira, proxectarase ‘Orense al día’, un documental dirixido e producido polo veciño do Ribeiro Armando Hermida Luaces, emigrante galego na Arxentina. Presenta un percorrido documental pola Galiza de finais dos anos cincuenta do século pasado.

O 17 de decembro exhibirase ‘Os oleiros’, un dos primeiros traballos documentais do director ourensán Eloy Lozano, onde ademais de reflectir o oficio tradicional da olaría na provincia de Ourense, non deixa de lado o tema socio-político facendo unha reflexión visua, nos primeiros planos, á memoria da represión en Galiza. 

E, por último, o 19 de decembro poderemos ver ‘Camiño á escola’, un documental que narra a historia real e extraordinaria de catro nenos, heroes cotiáns -Jackson, Carlitos, Zahira e Samuel- que deben enfrontarse diariamente cunha multitude de adversidades e perigos para chegar á escola. Estes nenos viven en catro puntos moi distantes da terra: India, Arxentina, Kenia e Marrocos, pero comparten as mesmas ganas de aprender e son conscientes de que só a educación lles abrirá as portas a un porvir mellor. En 2013 recibiu o Premio César do cine francés ao Mellor Documental.

Comentarios