O cinema en 3D celebra o seu día

O 3 de decembro figura no calendario como o Día Internacional do cinema 3D, unha proposta que busca recoñecer esta tecnoloxía que permite filmar e proxectar películas coa particularidade de que as persoas poden ver as imaxes de maneira tridimensional.

'Noite de Paz'', primeira película de animación galega e do Estado español en 3d (Dygra Films).
photo_camera 'Noite de Paz'', primeira película de animación galega e do Estado español en 3d (Dygra Films).

A procura dun maior realismo na experiencia de ver cinema sempre foi unha constante na sétima arte e non é algo novo.

É o caso das tres dimensións (altura, anchura e profundidade) que no cinema ten a súa orixe no ano 1890 aínda que non sería até 1923 que se chegaría a presentar a nivel internacional a primeira longametraxe que non acadou o éxito esperado por non ter superado, aínda, a barreira do branco e negro.

Coa chegada dos filtros polarizados todo muda e en 1953 xorde o primeiro grande éxito coa película House of Wax. O desenvolvemento de novas lentes e sistemas a partir dos anos 60 foi perfeccionándose até a chegada nos 80 do sistema IMAX.

Algúns éxitos en 3D e a achega galega

Co cambio de século a promoción deste tipo de películas aumentou coa apertura de novas salas nos denominados Multicinemas polo que o número de títulos para gozar en tres dimensións tamén aumentou.

Entre os máis sinalados, por poñer algúns, están Beowulf (2007), protagonizada por Angelina Jolie; Avatar (2009), que reforzou unha nova imaxe en 3D ou Gravity (2013).

A primeira película 3D animada de Europa foi a galega 'O bosque animado'

A Galiza tamén se incorporou ao cinema 3D, cunha importante presenza sobre todo no que atinxe á animación. Neste eido sobresaen os Estudos Dygra Films que se sumaron a esta tendencia.

Esta compañía realizou a primeira película 3D animada en Europa, O bosque animado (2001), o primeiro anuncio en Dixital 3D estereoscópico na historia da publicidade estatal, (Campaña Movistar 2008-2009) e a primeira película animada en Dixital 3D en todo o Estado español, Noite de paz? (estreada no Nadal do 2010).

Comentarios