Construíndo na efeméride

Cinegalicia 2019: o "síntoma" dun audiovisual diverso

Preto de 20 creadoras galegas nadas despois de 1989 conmemoran o 30 aniversario de Cinegalicia cun proxecto promovido por A Cuarta Parede, que se presentou a pasada sexta feira 20 de decembro en Compostela. As obras estreáronse na sexta feira 20 de decembro na Coruña. Celebrar a efeméride dun fito que non viviron vólvese escusa para repensar o pasado, coa ollada posta no presente. 
Detalle do cartaz de Cinegaliza 2019.
photo_camera Detalle do cartaz de Cinegaliza 2019.

A revista de crítica cinematográfica A Cuarta Parede promove o proxecto Cinegalicia 2019, no que unha vintena de creadoras nadas despois de 1989 revisan Continental (Xabier Villaverde), Urxa (Carlos Piñeiro e Alfredo García) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro), estreas que marcaron o despegar do cinema galego. Conmemoran así unha efeméride que "en principio non debería importarnos demasiado", afirman Cibrán Tenreiro e Brais Romero, os coordinadores, no texto que introduce esta escolma. A sexta feira 20 de decembro presentouse no Baixo (A Coruña) o resultado deste experimento. As obras, quer de creación quer de análise, estabelecen un diálogo cos tres filmes.

As obras, quer de creación quer de análise, estabelecen un diálogo cos tres filmes que marcaron o despegar do noso cinema

Como explica Romero a Nós Diario, a valoración é moi positiva, pois conseguiron unha mostra que reúne creadoras de eidos totalmente diferentes. "Non hai nada parecido a nada e iso é precisamente un síntoma do que queriamos ensinar, que temos un cinema diverso", afirma. As pezas realizadas sobrevoan o cambio, porque esa é a utilidade que lle ven ás efemérides: revisar o camiño andado. Entre a antoloxía e a homenaxe, Tenreiro e Romero foxen de estabelecer un discurso totalitario: "Deus nos libre de autoproclamarnos the voice of my generation". Con todo, algo de xeracional garda este conxunto de pezas que compartiron caldos de cultivo. Preocupacións comúns ou pegadas do contemporáneo, é se cadra esa heteroxeneidade o trazo definidor dunha época.

"Non hai nada parecido a nada e iso é precisamente un síntoma do que queriamos ensinar, que temos un cinema diverso", afirma Brais Romero

Pensar desde hoxe

Dous textos presentan unha crítica transversal arredor dos tres filmes. A investigadora Sara Donoso medita sobre o diverso significado das paisaxes no cinema galego, fronte aos reducionismos costumistas habitualmente asociados a este recurso, partindo do primixenio até á actualidade, con Trinta Lumes ou Arraianos.

Pola súa banda, a xornalista Laura Ramos Cuba asina "Atravesadas polo cinema", texto no que reflexiona sobre as mulleres que poboan estas películas, desde as bruxas de Urxa ao "monopolio das putas de Continental". "Quen somos nós como cinema? Espectadoras, críticas e creadoras atravesadas por unha patria", pregúntase, achegando a diagnose a un verso de Lupe Gómez.

Outras tres autoras presentan cadansúa ollada contemporánea sobre os filmes: Clara Coira centra a atención en Continental, Anxo F. Couceiro en Sempre Xonxa e Jesús Silva en Urxa.

Videocreacións e música

A montadora e editora Iria Silvosa conecta na videocreación "Correspondencia 89-19" cos traballos máis experimentais de Villaverde, arredor das posibilidades creativas da imaxe. Laura e Noa Castro, estudantes de BContinentalelas Artes, reinterpretan a personaxe de Xonxa como a vella que vive "no deserto do soño" na súa peza audiovisual. O cineasta Adrián Canoura explora "o arame de misticismo" de Urxa, traballando coa lúa e o lume como elementos evocadores que desintegra e reinterpreta.

A música tamén atopa o seu oco neste proxecto. Charles Rapante traduce, desde a perspectiva do técnico de son, a incomodidade que lle suxeriu Continental cunha peza "incómoda de escoitar", que emprega elementos da banda sonora como punto de partida para debuxar unha crúa paisaxe sonora. A cantante Elba Souto, pola súa banda, leva o meigallo de Urxa a un tema electrónico con voces, sintetizadores e pandeireta. Oh! Ayatollah presenta, distanciándose do seu estilo habitual, "todos.xuntos.unidos.sempre".

Pepa Puy, Montse Piñeiro e Julia Huete deseñaron tres carteis alternativos dos filmes. A primeira comenta que non lle foi difícil facer o de Continental, pois "o cine negro ten recursos moi potentes no visual que fan sinxelo levalo a cómic". A segunda decantouse por unha ilustración que representa un indiano, denunciando que no filme de Piñeiro "o interese na personaxe de Xonxa non reside tanto na súa figura como muller protagonista, senón como obxecto de disputa". Huete fixo un traballo máis abstracto a partir das "imaxes da lúa chea e a figura do ídolo" que aparecen en Urxa.

A fin das efemérides?

Romero e Tenreiro distánciase das efemérides con certo humor, apuntando que após o 20 e o 25 aniversario, talvez "esta sexa a derradeira vez que se celebre e pasemos a outras cousas". Porén, se tren xoais coma estas, se cadra é mellor que sigan celebrando aniversarios de cando en cando.

Comentarios