Celebra o seu 50 aniversario cunha clara aposta pola cultura cinematográfica

"O cineclube Padre Feixoo leva anos sen recibir ningún tipo de axuda, e tampouco contamos tela"

O cineclube Padre Feixoo, na cidade de Ourense, celebra as súas vodas de ouro neste 2020. O seu nome lévanos até a súa orixe, a Escola do Profesorado chamada Padre Feixoo. A súa vontade de achegar a sociedade á cultura cinematográfica fixo que continuasen activos até o día de hoxe. Grazas ao seu director, Manuel Precedo, coñecemos parte desta andaina, que esperamos que dure outros anos máis.   
 
O Cineclube Padre Feixoo funciona con 700 persoas asociadas a día de hoxe [Nós Diario].
photo_camera O Cineclube Padre Feixoo funciona con 700 persoas asociadas a día de hoxe [Nós Diario].

Cóntenos, cales foron os primeiros pasos do Cineclube?
Naceu en 1970, nunha Escola do Profesorado chamada Padre Feixoo, e de aí ese nome tan pouco cinematográfico. Os primeiros anos do cineclube comezaron funcionando única e exclusivamente para a xente desa Escola. Mais, co tempo, comezaron a saír as proxeccións á cidade e, ao terceiro ou cuarto ano xa se desposou dese apadriñamento. A cidade de Ourense tivo na súa historia tres cineclubes, que eu coñeza. Comezou a andaina o cineclube Orense -así, como di a RAE [ri]- e funcionou de forma discontinua durante varios anos; a este seguiulle o cineclube Miño, que durou pouquiño; e, ao pouco, xa abriu o Padre Feixoo. 
Como actividades comezamos coas Xornadas de Cine das Nacionalidades, que se facían desde os anos 73-74. Estas duraron 8 edicións mais, por cuestións económicas, canceláronse. O "non nos canceles" é algo propio do asociacionismo cultural, coido que nós deberíamos usalo desde hai moito tempo [ri]. Recentemente vivimos outro episodio de crise, a empresa da sala que tiñamos alugada quebrou, tivemos unha débeda importante e, nese momento, decidimos voltar ao sitio onde comezaran as proxeccións regularmente, a casa da cultura. E aí seguimos, con ese péndulo, como ocupas.

Como teñen pensado festexar esta efeméride?
O que tiñamos preparado era un encontro de cineclubes no mes de xullo, que está adiado. Para este evento convidamos os colegas cataláns, desde a Federación, e tamén os colegas portugueses, cos que temos moita afinidade, así como algúns cineclubes do Estado español. Aínda que actualmente o movemento cineclubista non é moi forte, si que hai algúns que funcionan moi ben, como o cineclube Buñuel en Alicante, o cineclube Bilbao, que é o máis antigo do Estado... Con este encontro queriamos facer unha homenaxe ao Padre Feixoo e tamén falar de determinadas cousas que nos afectan. 

Que cuestións lles afectan?
Por exemplo, o problema básico é a renovación de público. Eu comecei moi novo, mais en xeral a xente que vai aos cineclubes é xente xa madura, e é un tema que nos gustaría tratar. Tamén a dificultade que existe, e que aínda estes días recollestes no Nós Diario, á hora de mover un filme. Hoxe non é doado chegar ao público e non hai ningún instrumento de apoio. O cineclube Padre Feixoo leva tres anos sen recibir ningún tipo de axuda económica e tampouco contamos tela co actual alcalde. E o conxunto da Federación, con 24 cineclubes na Galiza, recibe pouca cousa. 

Cal é a función dun cineclube?  
Un dos primeiros creadores do cineclube foi o francés Louis Delluc. A explicación que deu foi que, dada a existencia dunha vulgaridade e unha comercialidade nos temas e nas películas que se exhibían, daquela nos grandes teatros, consideraba que debía existir un espazo onde se tirara por outros obxectivos na súa programación. E eses obxectivos seguen vixentes, porque se un consulta hoxe en día a grella cinematográfica da programación habitual dos cines pode comprobar como a vulgaridade, a comercialidade e o mainstream son do máis común. O que ten que facer un cineclube é ben programar aquelas pelis que deberían ter chegado ao cine pero que non chegan, ou ben tratar de facer unha retrospectiva ou un estudo sobre unha directora ou director que merezan unha reflexión. E iso é o que facemos habitualmente, elaboramos unha folla de sala en base ao que explicou a directora do filme. Non recollemos crítica cinematográfica habitualmente porque sería prexuizar a xente sobre a película que vai ver. Nós o que queremos é que a xente poida debater sobre o filme, facer cineforum, que se partillen pensamentos e reflexións.

Comentarios