NO PLAY DOC, EN NUMAX E NO CGAI

O cineasta de culto Charles Burnett, de xira por Galiza

Poucas persoas coñecerán a Charles Burnett, pero a súa visita a Galiza é unha boa razón para achegarse á súa figura e, sobre todo, á cinematografía do probablemente director afroamericano de máis talento (segundo o New York Times.

charles-burnett
photo_camera Charles Burnett

Charles Burnett (Mississippi, 1944) estará do 13 ao 17 no Play Doc de Tui, que lle dedicará unha perspectiva e proxectará catro filmes do autor. E a segunda feira 18 de abril visitará a sala NUMAX de Compostela, onde ofrecerá unha clase maxistral e presentará o filme 'Killer of sheep'; e a terza feira estará na Coruña, no CGAI, para introducir a mesma fita, un clásico xa do cinema americano. 

Retrospectiva no Play Doc

O Festival Internacional de Documentais de Tui (do 13 ao 17 de abril) dedícalle unha perspectiva, na que se proxectarán 'Killer of sheep' (1977), 'My brother's wedding' (1983), 'Sleep with anger' (1990) e 'When it rains' (1995). 

Ademais, o sábado 16 o propio Burnett ofrecerá unha clase maxistral e participará na  presentación do libro 'Charles Burnett: un cineasta incómodo', editado polos críticos e investigadores María Míguez e Víctor Paz e publicado polo festival Play Doc logo dunha campaña de crowdfunding. O volume constitúe o primeiro libro monográfico orixinal publicado sobre Charles Burnett e contén diversas aproximacións teóricas á obra do cineasta e unha longa entrevista realizada por Míguez e Paz na que Burnett ofrece un exhaustivo percorrido á súa filmografía.

En Compostela

Na sala Numax, na segunda 18 de abril, Burnett atenderá á prensa pola mañá e, a partir das 17:30, ofrecerá unha clase maxistral, titulada «Contra quen pelexo esta noite?» (Who Am I in the Ring with Today?), na que fará un percorrido pola súa traxectoria artística, desde o seu período inicial como cineasta independente, no que se deu a coñecer pola sinceridade do seu retrato da comunidade negra de Los Angeles, até os seus filmes máis recentes encadrados polo xeral nun paradigma de produción industrial.

As actividades arredor da figura de Charles Burnett continuarán ás 19:30 coa presentación do libro 'Charles Burnett: un cineasta incómodo', e ás 20.30 estrearase 'Killer of Sheep', a obra máis importante do autor que foi seleccionada en 1990 pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos polos seus valores artísticos e históricos. Gravado en 1975 cunha cámara de 16mm a xeito de proxecto de tese de licenciatura, o filme acadou axiña unha aura mítica polo retrato, áspero e tenro a un tempo, do cotián no barrio negro de Watts, en Los Angeles, onde se criou o propio autor. 

No CGAI da Coruña

En acordo co Play Doc, o CGAI acollerá tamén varios filmes de Burnett, que poderemos ver os días 19, 20 e 21 de abril. Na terza o propio cineasta será quen presente 'Killer of Sheep', na cuarta poderemos ver 'My Brother's Wedding' e 'When' en dúas sesións, e na quinta será a quenda de 'To sleep with anger'. 

Comentarios