ZARAUZA E BERTITXI, REALIZADOR E DIRECTOR DE FOTOGRAFíA DE OS FENóMENOS

“O cinema ten que ser testemuña do tempo que vivimos”

Se o tempo é duro, de crise, ten que quedar reflectido no cine. Esa é a filosofía de Alfonso Zarauza e Alberto Díaz, Bertitxi, director e director de fotografía da película Os fenómenos, que chega agora ás salas comerciais despois dun periplo que a levou por catorce festivais internacionais. 

Bertitxi e Zarauza
photo_camera Bertitxi e Zarauza

Os fenómenos chega esta sexta feira ao cinema de flocos, definición que repite Zarauza para se referir ás salas comerciais, ocupadas maiormente por películas de grandes compañías americanas. Nese medio hostil para o cine de menos orzamentos cóase agora Os fenómenos, un filme que se pode ver cos flocos mais que leva a pensar, a debater e, por que non, a se remexer na propia butaca da sala. 

Cun equipo de actores galegos entre os que se atopan Luís Tosar, Antonio Durán, Morris, Miguel de Lira, Xulio Abonjo, Touriñán ou Federico Pérez, ademais de Lola Dueñas, Os fenómenos conta na dirección con Alfonso Zarauza e na dirección de fotografía con Alberto Díaz, Bertitxi, un tándem que se repite nas outras dúas producións que teñen en circulación, a longametraxe Encallados, que viron xa máis de 5.300 persoas malia non entrar nos circuítos comerciais e o documentario A viaxe dos Chévere, que tivo a súa estrea en Cineuropa e narra o periplo de Compostela a Teo da compañía teatral.  

“O cine ten poder porque é moi visíbel e pode ser un arma perigosa. Nese sentido, os meus filmes son marcadamente políticos, con moita carga”, di Zarauza.

Dous anos despois de rematar a súa rodaxe, Os fenómenos chega a máis de trinta salas de cinema de todo o Estado na súa versión orixinal, na que arredor dun 40% está en galego. “Verase fóra subtitulada e iso significa ir abrindo camiños, rompendo prexuízos, como fai A Esmorga coa que nos unen moitos vasos comunicantes. Ignacio Vilar é produtor e director, o que non é o meu caso e por iso tiven máis problemas”, comenta Zarauza para quen manter o galego tanto na película como na cartelería foi unha dura loita que, ao seu ver, paga a pena para a construción dun cinema galego e por iso quere que se vexa “como algo positivo”. 

“As películas de Alfonso son cinema galego, falan do que nos pasa a nivel social, teñen presente a nosa lingua que el fai visíbel, mesmo esa dualidade que existe”, anota Alberto Díaz, Bertitxi que leva tamén ao seu traballo coa fotografía ese reflexo da Galiza real que se recolle no filme. “A mirada é nosa, temos personalidade e miramos o país coa nosa propia ollada, non como unha postal que é como se fai cando se roda desde fóra. Encadraban unha Galiza bucólica. Nós transmitimos a realidade na que vivimos. Buscamos ter unha personalidade propia desde a estética, como é o caso do cine irlandés”, explica Bertitxi. 

Público para a fin de semana

“O cine ten poder porque é moi visíbel e pode ser un arma perigosa. Nese sentido, os meus filmes son marcadamente políticos, con moita carga”, defende Zarauza, dunha maneira de traballar que responde á necesidade que el ve de que as películas se convertan tamén en testemuño do tempo no que se producen. Como os tempos son duros, difíciles, o cine ten que responder, ao seu ver, a esa realidade. “Máis que nunca é necesario facer cine social e politicamente comprometido. Falamos da crise, dos desafiuzamentos, dos nosos parados, coa nosa ollada”, refire o director, do drama social que é Os fenómenos. 

A película cóase no tempo previo ao Nadal no que as grandes producións dan cos cóbados para facerse oco nas carteleiras. “Conseguir un buraco ten moito mérito. As sensacións son boas mais precisamos que esta fin de semana vaia a xente ao cine porque do público dependerá que continúe ou non na carteleira”, afirma Alfonso Zarauza, diante da incógnita do que acontecerá nos vindeiros días coa película. 

"Nos transmitimos a realidade na que vivimos. Buscamos ter unha personalidade propia desde a estética, como é o caso do cine irlandés”, explica Bertitxi. 

Zarauza e Bertitxi forman xa unha equipa sólida que se forxou en Encallados e repite tamén en A viaxe dos Chévere. Os tres títulos, en circulación na actualidade, afondan nunha liña que identifica o seu facer no cine. “Son filmes diferentes na natureza e irmanados na esencia, comprometidos politicamente, que empregan o humor no tratamento lingüístico e psicolóxico e intentan ser filmes valentes que buscan o seu camiño. A natureza de todos é a honestidade”, defende Zarauza. 

Chéveres do audiovisual 

“As películas están moi centradas en facer un retrato do noso tempo, falan da crise, unha a do noso tempo e outra a do cine, das dificultades para sacar unha película adiante -e da crise do Prestige tamén- a conexión é clara, como dalgunha maneira o é tamén no documental de Chévere”, engade Bertitxi. 

Comparten filosofía co Novo Cinema Galego mais o seu obxectivo é chegar ao público das salas comerciais, entreter sen banalizar. De ter que buscar un paralelismo, a eles non lles sentaría mal comparalos cuns Chévere do mundo audiovisual. “Admirámolos moitos, ademais do compromiso político, foron quen de facer un público propio, sen traicionarse. Conseguiron prestixio sendo fieis a si mesmos, sen descafeinarse. Para nós son un referente, con eles temos unha vinculación moi próxima. Poderían ter éxito doutra maneira, mais decidiron seguir na liña na que verdadeiramente crían", defenden. 

Comentarios