O cine regresa á cidade de Pontevedra

Ciclo Amal en Ruta no Principal entre o 7 e o 11 de setembro
Un fotograma de 'Gaza', de Garry Keane e Andrew McConnell. (Foto: Fine Point Films) #cinema #pontevedra #gaza
photo_camera Un fotograma de 'Gaza', de Garry Keane e Andrew McConnell. (Foto: Fine Point Films)

O Amal en Ruta volverá de novo, por sexto ano consecutivo, a Pontevedra. O ciclo de cine euroárabe arribará no Teatro Principal o 7 de setembro, sendo sede e lugar de proxección até o 11 de setembro. O ciclo buscará romper estereotipos, achegando a sociedade árabe ao país e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional dunha cultura milenaria e erudita.

Na práctica, Amal en Ruta é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, que decorreu en Santiago de Compostela en outubro de 2020. A escolla deste ano é representada a través de tres ficcións e dous documentais, permitindo crear un percorrido audiovisual polo mellor cine árabe da actualidade.

Nesta edición, o público poderá asistir ao ciclo de maneira gratuíta, aínda que si existirá unha limitación e unha restrición de capacidade dentro da sala do teatro. Aqueles espectadores que se acheguen poderán gozar de cinco películas que reflicten unha gran diversidade de eidos e de realidades sociais. 

Cinco filmes

Adam (día 7), dirixida por Maryam Touzani, conta a historia de superación dunha muller na que se aprecia como a comunidade serve de escudo protector; For Sama (día 8), un documental dirixido por Waad al-Kateab e Edward Watts, é o diario dunha moza siria que dá a luz entre o horror da guerra; e It must be heaven (día 9) preséntase como unha cinta palestina dirixida por Elia Suleiman, un dos máximos expoñentes do cine palestino con obras cheas de retranca ao estilo galego, lembrando que a vida tamén precisa de risas para ser tal.

Tamén se proxectarán o documental Gaza (día 10), de Garry Keane e Andrew McConnell, retrata a vida cotiá dos cidadáns na Fronte de Gaza; e, por último, Tel Aviv on Fire (día 11), de Sameh Zoabi, aparece como unha metaficción do conflito árabe israelí.

Segundo as medidas especiais de hixiene, protección e acceso á sala para manter a seguridade sanitaria, será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, de xel hidroalcohólico, manter a distancia mínima de seguridade dun metro e medio, e entrar e saír da sala ordenadamente, evitando as aglomeracións.

As portas do teatro abriranse ás 20 horas. Non haberá butacas previas asignadas, e será o persoal da sala quen asigne as butacas segundo a orde de chegada.

Comentarios