Un libro con textos escollidos mostrará a calidade dos escritos literarios

O cincuentenario do pasamento de Xosé Velo descubrirá a súa obra inédita

Conseguiu deixar en evidencia as ditaduras de Franco e de Salazar co secuestro do navío Santa María, rebautizado como Santa Liberdade. Pepe Velo gañou a batalla da opinión pública, mais á custa de deixar na escuridade unha boa parte dunha vida dedicada á loita política e dunha obra literaria que ficou inédita.
Xosé Velo.
photo_camera O legado de Xosé Velo xa se pode consultar no Arquivo da Deputación de Pontevedra.

Na última carta que Xosé Velo lle escribiu a Celso Emilio Ferreiro -ambos os dous xa gravemente enfermos-, o artífice do secuestro do Santa María -o Santa Liberdade- permítese facer bromas sobre o seu aspecto físico, explicando que pesa só corenta quilos e que os médicos non precisan facerlle radiografías, con poñelo a contraluz xa lles chega. “Sabe que vai morrer, con só cincuenta e cinco anos e, porén, non se observa nin chisco de amargura nin de rancor nas súas palabras. Ao contrario, aínda trata de consolar a Celso Emilio. Alguén que sabe morrer así é un ser humano extraordinario”. Quen así opina é Aser Álvarez, que despois de ler esta carta, hai dez anos, quedou fascinado pola personalidade de Velo e dedicou, á fronte de Arraianos Producións, unha boa parte do seu traballo da última década a estudar, reivindicar e difundir a súa vida e obra. 

Este ano faise o quincuaxésimo aniversario da morte de Velo e Arraianos tratará de marcar a data con varios actos e actividades que culminarán eses dez anos de traballo e estudo sobre unha figura histórica quizais mal comprendida e peor coñecida. A lembranza deste activista político, social e cultural no exilio comezou o pasado 30 de xaneiro cun acto na súa Celanova natal no que tivo lugar unha ofrenda floral e un recital poético no que estiveron presentes autoridades do Concello de Celanova, da Deputación e da Consellaría de Cultura. Mais as actividades terán continuidade ao longo de todo o ano. 

“Este é un fito fundamental porque nos permite, por fin, cincuenta anos despois da súa morte, fixar textualmente a súa obra, tanto a literaria como a ensaística", declara Aser Álvarez

“O fundamental é a recuperación do seu arquivo, que xa se pode consultar na web do Arquivo da Deputación de Pontevedra”, aclara Aser Álvarez. “Este é un fito fundamental porque nos permite, por fin, cincuenta anos despois da súa morte, fixar textualmente a súa obra, tanto a literaria como a ensaística. Imos editar un libro en colaboración coa Deputación que se vai titular Xosé Velo. Textos escollidos e que fai unha escolma dos seus escritos máis destacados desde a década de 1930 até a de 1970. Hai poemas moi potentes, ensaios, discursos políticos, e unha especie de autobiografía política -o célebre Morra España, viva Hespaña- no que debruza esa pulsión iberista súa. Este é un proceso moi ambicioso e que deu moi traballo porque o material de Velo estaba moi disperso e, en moitas ocasións, conservábase de maneira moi fragmentaria. Nunha vida tan axitada como a súa, sempre fuxindo e sempre na clandestinidade, houbo moitas cousas que se perderon, mais finalmente temos acceso a unha obra que sorprenderá pola súa potencia”. 

Velo sacrificou a súa verdadeira vocación, a de poeta, polo seu fondo compromiso político e até o de agora houbo moi poucos poemas seus que viran a luz. O volume que agora se publicará permitirá ter acceso a unha mostra moito más ampla da súa obra neste eido. “Despois da viaxe que fixemos a Sao Paulo, e sobre todo, grazas á confianza de Víctor, o fillo de Velo, puidemos recuperar unha boa parte dos seus escritos”, explica Álvarez. “El contaba con editar a súa propia obra nesa etapa da súa vida -cando funda a libraría Nós, no barrio de Paraíso, e a editora Galicia Ceibe-, mais a súa morte temperá non lle permitiu acabar o traballo. Dalgunha maneira, sentimos que estamos a rematar o que el comezou”.

Difusión internacional

O labor de Aser Álvarez e do equipo que dirixe xa vai obtendo froitos: a televisión pública de Portugal, a RTP, dedicoulle unha peza á conmemoración do cincuentenario do pasamento de Velo, lembrando o seu papel no secuestro do Santa Liberdade. "É un fito moi importante porque por primeira vez en Portugal se recoñece que el foi o verdadeiro cerebro da operación, e non Henrique Galvão. E hai que ter en conta que alí se recoñece que aquel secuestro foi o principio da fin da ditadura de Salazar". A internacionalización destas actividades de homenaxe e lembranza, focada sobre todo en Portugal e no Brasil, é un elemento que se desenvolverá nos próximos meses para darlle máis relevancia á figura de Velo. 

Aquela vitoria, quizais a única da súa vida, desdebuxou o resto da súa traxectoria, e mesmo este triunfo, foi moi cuestionado por versións espurias que outros protagonistas da fazaña difundiron. "E el nunca quixo entrar en polémicas, nunca deu unha versión propia dos feitos para non polemizar sobre unha acción que de seu xa fora politicamente exitosa", di Álvarez. 

"E  cara a finais de ano, queremos celebrar un encontro no que poidamos traer á Galiza a Víctor Velo, o seu fillo", desvela Álvarez, "sen quen todo este labor non sería posíbel"

Un ano de actividades

"A idea é, ao longo deste ano, levar a cabo unha serie de accións que lle fagan xustiza á súa vida e obra. É de xustiza", explica Álvarez.Ademais do libro, o propio Aser Álvarez dirixiu Xosé Velo. O libertador ibérico, un documental -producido en colaboración co Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra- que se estreará proximamente e que difundirá a figura de Velo. 

Unha exposición itinerante, por outro lado, presentará os fitos máis destacábeis da súa biografía, coa vista posta, sobre todo, nas xeracións máis novas. E tamén unha publicación didáctica para os centros de ensino, con poemas de Velo musicados por parte de artistas galegos e portugueses. 

"E  cara a finais de ano, queremos celebrar un encontro no que poidamos traer á Galiza a Víctor Velo, o seu fillo", desvela Álvarez, "sen quen todo este labor non sería posíbel. El xa ten unha idade avanzada e pensamos que darlle a posibilidade de vivir este recoñecemento público que nunca se lle deu a seu pai será moi ilusionante para el e tamén para nós".

Recuperar a vida e a obra íntegras

"Pódese falar de Pepe Velo sen falar do Santa Liberdade, pero non se pode falar do Santa Liberdade sen falar de Pepe Velo". A frase é de Vítor Velo, o fillo de Xosé, que tamén estivo presente, aínda que só contaba con 18 anos, na operación de retención do barco. 

Quizais esa cita poida resumir o traballo que Arraianos Producións asume na recuperación da obra e da biografía dun home cuxa vida contou co triunfo de mostrar á opinión pública internacional o anacronismo dunhas ditaduras en Europa, pero cuxo pensamento político, traxectoria revolucionaria e obra literaria quedaron escurecidas, en parte, pola magnitude desa vitoria. 

A celebración do cincuentenario vai superar ese esquecemento. 

Comentarios