CIG denuncia o desmantelamento do Centro galego das artes da imaxe (CGAI)

Alertan de que a Xunta procura un “feche encuberto”, o que “constitúe unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego”.

CGAI Foto- Anatche
photo_camera Foto- Anatche

O Centro galego das artes da imaxe (CGAI), arquivo audiovisual e filmoteca de toda Galiza e que acolle todas as obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego, Está nunha situación de “máxima gravidade”. Denúnciao a CIG, que afirma que está en risco a supervivencia do CGAI, encadrado na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A proposta de modificación da relación de postos de traballo do AGADIC enviada pola Xunta ás centrais sindicais contempla un reaxuste de persoal que “suporía unha redución de prazas de máis do cuarenta por cen do persoal co que o centro da coruñesa rúa de Durán Loriga chegou a contar para o seu normal funcionamento”. O sindicato nacionalista afirma que a supresión da figura da bibliotecaria, “coa conseguinte desaparición do servizo de consulta do seu completo fondo bibliográfico, ou a eliminación do servizo de préstamo do seu fondo audiovisual, do que se fornecía de modo principal o sector do ensino, así como a desaparición doutras tarefas desempeñadas por contratados laborais, constitúen un tan demorado como paulatino acoso e derrubo do Centro Galego das Artes da Imaxe por parte das propias instancias administrativas das que depende”.

A permanencia do CGAI débese, sostén o sindicato, “ao redobrado esforzo e dedicación do diminuído equipo de traballo que actualmente o conforma”. “Desde a CIG denunciamos o camiño iniciado pola Xunta de Galiza que conduce ao desmantelamento encuberto do CGAI, e que é “unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego”.

Comentarios