Cidades e vilas iluminaranse o día 24 de febreiro co rostro de Rosalía

A Deputación pontevedresa conmemora data de nacemento da poeta.
Carmela Silva durante a presentación da programación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carmela Silva durante a presentación da programación. (Foto: Nós Diario)

A Deputación de Pontevedra presentou esta sexta feira a súa programación para conmemorar o Día de Rosalía, que decorrerá o vindeiro 24 de febreiro. Unha das accións novidosas neste ano será a que leva por título “Proxectando a forza de Rosalía!” e estará activa entre o 24 de febreiro e o 2 de marzo. 

"Proxectando a forza de Rosalía!" consistirá nunha acción de iluminación da sede da institución en Vigo e tamén nos concellos de Silleda, Caldas de Reis, Bueu, Salvaterra de Miño, Oia e O Rosal, nas que se proxectará a imaxe de Rosalía de Castro e algún dos seus pensamentos e versos. Trátase de “que o público comparta as súas fotografías coas fachadas alumeadas a través das redes sociais”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Para o 24 de febreiro, a presidenta contou que na sede do organismo se levará a cabo un acto cultural, sen público presencial e que poderá seguirse en liña, que se comporá da lectura en remoto de poemas de Rosalía a cargo de nenas e nenos.

Ademais lerán o manifesto, elaborado por Anna R. Figueiredo, impulsado pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e actuará a cantante Uxía. O acto concluirá dando inicio ao “Proxectando a forza de Rosalía” co alumeado da fachada.

Outra das actividades que se vai levar a cabo este ano é o concurso creativo de debuxo titulado "A nosa Rosalía", que pretende achegar a figura da poeta á rapazada. "Temos a sorte de ser unha comunidade que ten como elemento simbólico unha muller, Rosalía de Castro", destacou Carmela Silva, quen explicou que se busca achegar a súa figura ao público máis novo “porque é fundamental que teñan compromiso con todo o que nos identifica e Rosalía de Castro faino como escritora, galeguista, feminista, como unha voz, un rostro, unha personaxe que fala da nosa terra".

As crianzas xa poden participar no concurso, aberto até o día 19, a través das dúas categorías estabelecidas, “Campaniñas”, para nenas e nenos de 1º, 2º e 3º, e “Airiños”, para alumnado de 4º, 5º e 6º, de ensino primario, en ambos os casos.

Todas aquelas rapazas e rapaces que participen  recibirán un agasallo de carácter didáctico por parte da Deputación, e os mellores traballos en cada unha das categorías anunciaranse no Día de Rosalía, cun premio especial para o seu colexio dunha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía de Castro con formato de obradoiro a cargo do colectivo "Polo Correo do Vento".

Comentarios