A exposición 'No chan' de Pérez-Jofre reflexiona sobre paisaxe e organización urbana

A cidade vista desde o chan

A Fundación Laxeiro vén de inaugurar unha mostra individual de Ignacio Pérez-Jofre, 'No chan', que retoma o concepto de 'deriva' do filósofo situacionista Guy Debord para mostrar outra forma de ver a cidade de Vigo. Un traballo realizado mediante a adhesión da sucidade do chan urbano amósase, a un tempo, poético e revelador.

As obras de Pérez-Jofre rexistran tramas dos diferentes deseños de beirarrúas da cidade de Vigo.
photo_camera As obras de Pérez-Jofre rexistran tramas dos diferentes deseños de beirarrúas da cidade de Vigo. (Foto: Fundación Laxeiro)

É doado, nestes días, acordarse do modelo de cidade inaugurado polo barón Haussmann en París durante o reinado de Napoleón III, un trazado reticular que tiña un obxectivo confeso -facer idílica a vida urbana (para a burguesía)- e outro menos confesábel: obstaculizar revolucións como as que tiveran lugar en 1830 e 1848, demolendo as rúas medievais e substituíndoas por arterias anchas e rectilíneas, adecuadas para o movemento das tropas. Aquela malla regular transformaba o marco urbano e, en certa maneira, constituíase en signo do dominio político do individualismo e da propiedade privada

No chan, a exposición de Ignacio Pérez-Jofre que vén de inaugurarse na Fundacion Laxeiro de Vigo, rexistra -e a impersonalidade do verbo non é casual- tramas dos diferentes deseños de beirarrúas da cidade de Vigo, uns tecidos que, dalgún modo, reproducen a pequena escala ese ideal urbanístico da orde burguesa. 

O proxecto ten a súa orixe nos procesos de percorrido urbano que o artista iniciou na súa chegada á cidade -a finais da década de 1990-, interesándose polo concepto de deriva -unha camiñada sen obxecto específico que pretende reflexionar sobre as formas de ver e experimentar a vida urbana- creado por Guy Debord e os situacionistas franceses: unha consciente oposición á idea tradicional de cartografía que pretende desregular as categorías coas que adoitamos percibir o territorio para comprender os efectos do ambiente nas emocións e no comportamento das persoas.

A exposición recolle obras sobre papel realizadas coa técnica de frottage, que transfire ao soporte as terras do lugar, que actúan como o pigmento que rexistra as tramas das beirarrúas

O poético e o social

A exposición recolle obras sobre papel realizadas coa técnica de frottage, que transfire ao soporte as terras do lugar, que actúan como o pigmento que rexistra as tramas das beirarrúas. E talvez o máis interesante sexa precisamente observar como os elementos orgánicos recollidos, malia reflectir ese ordenado trazado de base, logran desbordalo, estendéndose por toda a superficie e superando os seus límites, logrando un efecto poético que non está exento de matices moi significativos que evocan como se constitúen as sociedades urbanas, sobre como nun mesmo lugar se superpón diferentes estruturas organizativas en constante interacción, a un tempo simbiótico e conflitivo.

O proceso de realización das obras, mediante o pisado e frotado directo das superficies coas solas dos zapatos, retoma a técnica do frottage -un procedemento ideado por Max Ernst e logo moi empregado polos surrealistas-, consistente na impresión dunha imaxe mediante o contacto de dúas superficies. A intervención directa do artista -que se implica na obra pisando o soporte para, a través del, entrar en contacto co motivo que se quere reproducir-, suxire un achegamento a unha forma de intervención próxima á acción pictórica, a un compromiso que vai máis alá da mera réplica para deixar constancia dese mergullarse na paisaxe urbana que supón a deriva debordiana. 

O resultado final presenta unhas obras que basculan entre o rexistro da realidade e o mergullamento do artista nela, entre a obsesión por afirmar a presenza das cousas e a dúbida sobre como a percepción moldea a imaxe que temos do mundo que nos arrodea.

O artista

Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) é Profesor Titular no Departamento de Pintura da Universidade de Vigo, onde se doutorou en 1994, despois de licenciarse en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid en 1989.

Desde o inicio da súa carreira, a súa obra reflicte varias liñas de traballo que son unha constante en toda a súa traxectoria: a preocupación pola xeración de imaxes mediante procedementos non manuais, cun especial interese na pegada e na imaxe indexada; un interese permanente pola cor e as súas posibilidades combinatorias no contexto da contemporaneidade; unha especial atención ao cotián, mediante a que procura unha refutación da veracidade do que, convencionalmente, se entende como realidade; a atención ao feito urbano e á sociedade de consumo, como escenario de interrelacións da sociedade actual, interese do que xorde a súa metodoloxía dos percorridos urbanos; e unha preocupación polas condicións concretas nas que se producen os procesos de creación artística. Todas estas cuestións levárono a desenvolver unha obra que tenta achegarse á figuración desde diversas técnicas e metodoloxías, nunha investigación constante sobre a vixencia do feito pictórico na arte contemporánea.

É, ademais, autor de diversas publicacións nas que aborda aspectos concretos da creación artística ou reflexiona sobre a obra de artistas concretos.

A paisaxe de Vigo, no centro

Os traballos presentes nesta mostra -comisariada por Javier Buján e que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 2 de maio- foron presentados con grande éxito na feira Estampa de Madrid. Agora, regresan para poder ser vistos na cidade onde se concibiron.

Comentarios