A cidade de Lugo acolle a XXIII Mostra de Teatro Clásico

Sófocles e Shakespeare, os autores máis representados.
'Contos de William Shakespeare', da compañía Pedras de Cartón.
photo_camera 'Contos de William Shakespeare', da compañía Pedras de Cartón.

Coa representación de Jácara para un pícaro o la España negra, da compañía galego-andaluza La Griot'te, comezou onte a XXIII Mostra de Teatro Clásico de Lugo, que ofrecerá 14 representacións até o día 26 de marzo na cidade da muralla. 

A seguinte función do festival terá lugar o vindeiro día 5, con Píscore Teatro interpretando Molto Barroco, un espectáculo co que a compañía ofrece a posibilidade de desfrutar, desde o teatro e o humor, da música da época barroca. 

O día 9 será a quenda dos cataláns Rhum & Cia, un dos fenómenos do circo dos últimos anos, que presentarán unha adaptación á linguaxe circense de El diablo cojuelo, de León Ladrón de Guevara. 

Ao día seguinte, Yllana levará a escena Maestrissimo, un espectáculo musical co tratamento de comedia habitual na compañía madrileña. 

O día 11, a compañía Ay Teatro representa Vive Molière unha visión delirante, desenfadada e iconoclasta do comediante francés. O 12 de marzo, as asturianas de Teatro del Cuervo levan a Lugo Justina y Jacinta, a historia de dúas mulleres que forman un ñaque -compañía ambulante de só dous intérpretes.  O 17, será a compañía madrileña EscénaTe a que represente El animal de Hungría, unha comedia pouco coñecida de Lope de Vega.

 

Shakespeare e Sófocles 

A sempre hilarante Companhia do Chapitô, de Lisboa, leva até Lugo a súa versión de Antígona o día 18 de marzo. 

O 19, a premiada compañía Pedras de Cartón presenta -despois do éxito acadado co seu Quixote- o seu novo espectáculo Os contos de William Shakespeare

A novidosa Iphixenia na porta do súper, en versión da Compañía Humana,  poderase ver no festival o 23 de marzo. Interpretada por Alba Caneda e dirixida por Sara Rey Seoane, a obra de Gary Owen revisa o clásico de Sófocles desde unha óptica social. 

O día 24, Hilo Producciones representa I love Catalina, versión libre e gamberra da shakespeariana The Taming of the Shrew. E o 25, poderase gozar de Menina. Soy una puta obra de Velázquez, un monólogo de Nuqui Fernández  que aborda o acoso e a gordofobia. 

A Mostra remata o día 26 con Carreta y manta, da compañía Sinfín, e con Elektra.25, outra versión de Sófocles, da prestixiosa compañía Atalaya. 

Comentarios