Compostela acolle o I Congreso Internacional de Teatro Galego

O evento, que terá lugar entre o 25 e o 28 de marzo de 2020, nace cun duplo obxectivo. Por unha banda "analizar o pasado e o presente do teatro galego a través de comunicacións, mesas redondas e sesións plenarias desde unha perspectiva académica, e que contribúa así a un mellor coñecemento do sistema teatral da Galiza". E, pola outra, pretende "deseñar, a través do debate, os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e unha lei do teatro para a vindeira década".

PresentacioCongresoTeatroAIGIBOGA
photo_camera Na presentación participaron Inma António, presidenta da Academia Galega de Teatro; Juan Rivas, presidente do Consello territorial da SGAE; Anxo Lorenzo, Director Xeral de Políticas Culturais ; e Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega. (Foto: CCG).

A Cidade da Cultura acollerá o I Congreso Internacional de Teatro Galego, que se celebrará entre o 25 e o 28 de marzo de 2020.

O evento nace cun duplo obxectivo. Por unha banda "analizar o pasado e o presente do teatro galego a través de comunicacións, mesas redondas e sesións plenarias desde unha perspectiva académica, e que contribúa así a un mellor coñecemento do sistema teatral da Galiza". 

E, pola outra, pretende "deseñar, a través do debate, os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e unha lei do teatro para a vindeira década".

Ademais, e coa intención de “tributar a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existise”, serán homenaxeados persoeiros como Manuel Lourenzo, Luís Álvarez Pousa, María Xosé Queizán ou os desaparecidos Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada.

Lembranzas de 1988

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), definiu o Congreso durante a súa presentación como unha “operación moi ambiciosa que contou co apoio do Consello da Cultura desde o principio”, e referiuse ao Primeiro Encontro de Teatro Profesional celebrado en Ferrol, en 1988, como o único antecedente na historia do teatro galego.

A presidenta da Academia Galega de Teatro, Imma António, aproveitou o acto para agradecer a complicidade das asociacións e institucións que conforman o tecido teatral galego, e apuntou que o congreso acollerá "non só profesionais galegos, senón  doutros moitos países" o que o converterá "no referente das artes escénicas do futuro”.

Comentarios