venres 03/12/21
Música e máis

O ciclo VanGal reivindica a "reforestación folclórica" dunha Galiza "políglota, feminina e actual"

O Museo do Pobo Galego reúne nun ciclo, de 6 a 8 de novembro, catro artistas que se afastan dos estereotipos: MounQup, Faia Díaz, Laura LaMontagne (con PicoAmperio) e Teresa Ferreiro.
FAIA Faia Díaz Novo 2
Faia Díaz é unha das catro artistas que estarán no ciclo VanGal.

O Museo do Pobo Galego (MPG) acollerá de 6 a 8 de novembro o ciclo VanGal 2.0, un evento multidisciplinar que combina actuacións musicais de catro artistas na igrexa de Santo Domingos de Bonaval con coloquios e intervencións expositivas en diferentes espazos da entidade.

Esta primeira edición terá como protagonistas a MounQup, o proxecto da francesa Camille Hèdouin; a Faia Díaz, co seu primeiro disco, Ao cabo Leirín; a Laura LaMontagne xunto a PicoAmperio na súa recolla da tradición lírica da canción galego-portuguesa; e á DJ e ilustradora Teresa Ferreiro.

Unha Galiza políglota, feminina e actual

Todas elas, desde os seus diferentes ángulos, están abrindo novas caligrafías que van da electrónica aos ambientes íntimos no musical, cuns perfís que abranguen diferentes disciplinas artísticas e cunha intensa posta en escena que evade os arquetipos coñecidos.

O obxectivo da actividade será pór o foco nestas catro figuras da "reforestación folclórica a través da vangarda alternativa galega" para divulgar a riqueza das súas propostas. Con este fin, antes de cada actuación terá lugar unha intervención de cada unha delas.

Nestes puntos de encontro co público servirán para afondar nas súas traxectorias e visións artísticas, para mostrar as conexións e pontes transoceánicas con outras culturas e para evidenciar a transmisión dunha Galiza políglota, feminina e actual.

Retirada de billetes

As charlas e exposicións repartiranse por diferentes espazos e salas do MPG. A capacidade será limitada, polo que será precisa a retirada previa de billetes. A información a respecto disto farase pública o 15 de outubro de 2020.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A actividade está organizada polo museo coa colaboración do colectivo Ruído de Fondo, con Marcos Gendre e Adrián Herrero como membros organizadores. Conta, aliás, co apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e da Xunta da Galiza.

O ciclo VanGal reivindica a "reforestación folclórica" dunha Galiza "políglota,...
comentarios