O ciclo De Lugares e órganos volve a Compostela

O ciclo, organizado pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago terá lugar, na súa oitava edición, entre o 31 de marzo e o 8 de abril. Concertos, espazos de conversa, un itinerario musical e unha proxección con música ao vivo na sala Numax conforman a programación desta edición
Presentación, onte, de De Lugares e Órganos.
photo_camera Presentación, onte, de De Lugares e Órganos.

O ciclo De Lugares e Órganos celebra unha nova edición entre os días 31 de marzo e 8 de abril, en diferentes espazos de Santiago, para valorizar e visibilizar os órganos históricos da cidade e o patrimonio musical vencellado a eles. A cita foi presentada onte, no Pazo de Raxoi, pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e a directora artística do programa, Belén Bermejo

O primeiro dos concertos terá lugar o día 31 de marzo en San Paio de Antealtares, da man do coruñés afincado en Ámsterdam, Enrique López-Cortón, cantante, director de grupos vocais e organista, que dirixirá a Capella Sancta Maria, para interpretar un programa de músicas procedentes de mosteiros femininos ou compostas para seren cantadas polas freiras. 

O día 2, o grupo La Tasteggiata interpretará un programa de música barroca, Notas roubadas, cunha combinación instrumental pouco usual de zanfona, nyckelharpa, órgano portativo e espineta. O concerto terá lugar na igrexa do Pazo de San Lourenzo, e irá precedido dunha conversa cos intérpretes, na que se falará dos instrumentos empregados, así como dos contidos do programa de concerto. 

O día 3 a organista Eva-María Rusche interpretará, no órgano de Santa Clara, un programa integrado por pezas compostas arredor do himno do Page Lingua, xunto a sonatas da chiesa de coñecidos autores. 

Fechará o ciclo o día 8, na Igrexa da Universidade, Alejandra Escolante, unha das máis prezadas organistas do panorama musical galego, que actuará co Quinteto InVento, para interpretar un variado programa de pezas no que se contrastan e alternan as múltiples sonoridades do órgano de tubos co son brillante do quinteto de vento.

 

Outras actividades

Ademais da programación de concertos, De Lugares e Órganos ofrece outras actividades e formatos de concerto como as Matinés 20’, un formato de 20 minutos de música protagonizado pola compostelá Marta López, profesora de clave do Conservatorio de Pontevedra; nun roteiro pola cidade, arredor da figura do organeiro Mariano Tafall; ou a proxección, na sala Numax, da película de cinema mudo Shoes, da directora Lois Weber, que será acompañada de música ao vivo interpretada polo guitarrista Rafa Fernández e Alex Salgueiro, que tocará o órgano Hammond.

Comentarios