O ciclo 'Diálogos confinados' pon o foco na situación actual do deseño gráfico

O deseño ten un valor estratéxico que serve para facilitar a vida da cidadanía. Esta foi unha das ideas que centrou o debate entre Irene García e Uqui Permui, dúas creadoras que suman décadas de experiencia no mundo do deseño.
Irene García e Uqui Permui protagonizaron o ciclo 'Diálogos confinados' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Irene García e Uqui Permui protagonizaron o ciclo 'Diálogos confinados' (Foto: Nós Diario).

Moderado por Ramón Rozas -crítico de arte, comisario e membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega-, o Consello da Cultura Galega (CCG) organizou a oitava entrega do ciclo Diálogos confinados, que puxo sobre a mesa a situación do deseño gráfico, das eivas actuais e dos retos de futuro da man de Irene García e Uqui Permui, dúas creadoras que suman décadas de experiencia no mundo do deseño.

“Os deseñadores gráficos xa traballabamos en dixital e empregabamos moito esta canle e, polo tanto, non nos afectou tanto” afirmou Uqui Permui sobre as rutinas de traballo. logo da pandemia da COVID-19. Agora ben, a situación foi diferente no que ten que ver cos proxectos dos seus clientes, aos que si lles afectou a parálise, xa que “algúns se pospuxeron e outros directamente se cancelaron”.

Outra recoñecida deseñadora, Irene García, afirmou que “xa estamos afeitas a traballar en rede e confinadas na casa, así que aproveitamos este tempo para volver e pensar”. O que si quixeron deixar claro neste diálogo é que a parálise trouxo de volta algunhas novas incertezas. “A maior preocupación é que pensen que o deseño é un adorno prescindíbel, e nós temos que trasladar que o deseño e a innovación están moi vencellados a mellorar” asegurou Uqui. As solucións pasan, entre outras medidas, por “mellorar a comunicación online e a adaptación ao medio dixital, que é importante” en palabras de Irene García.

As dúas salientaron o valor que o deseño ten, non só como imaxe final, senón como valor estratéxico que permite facilitar a accesibilidade e, en consecuencia, a vida da cidadanía.

Comentarios