A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza un ciclo de encontros con autoras denominado 70minutos.con. O ciclo propón unha análise sobre a nosa literatura contemporánea en pequenas pílulas de divulgación de 70 minutos, nas que haberá igualmente espazo para a palabra escrita.
Os eventos procuran achegar a diversidade da literatura contemporánea a través de voces expertas capaces de a contextualizar, definir e debullar. Mais non ficará aí: as voces protagonistas da análise literaria interpretarán o seu traballo creativo, revelando os seus procesos e chaves.
Henrique Dacosta abrirá o ciclo a cuarta feira 16 de outubro no Ateneo Ferrolán ás 20 horas. Nas seguintes semana daranse encontros en diferentes lugares: Pilar Pallarés (22 de outubro) na Real Academia Galega, Rosalía Fernández Rial (23 de outubro) na Biblioteca Municipal de Carballo, Lucía Aldao (19 de novembro) na librabría Biblos de Betanzos e Chus Pato (26 de novembro) na libraría Couceiro de Compostela.
As encargadas de conducir os eventos serán a poeta e estudosa Yolanda Castaño, autora do capítulo de Poesía Contemporánea III da Historia da Literatura Galega (versión dixital) da AS-PG, e o escritor e crítico literario do Sermos Galiza Mario Regueira, autor do capítulo de Narrativa Contemporánea III da Historia da Literatura Galega (versión dixital) da AS-PG. O punto de peche de todos os actos virá da man do grupo Lois Rivera Trío, que deleitará os asistentes co seu jazz.