mércores 03/03/21

Un ciclo de cantos de Nadal da Galiza e Portugal para fechar 2020

Organizado por aCentral Folque en edificios singulares de cinco concellos da ruta portuguesa a Santiago de Compostela.
Cantos de Nadal, ciclo de aCentral Folque (Imaxe: aCentral Folque).
Cantos de Nadal, ciclo de aCentral Folque (Imaxe: aCentral Folque).

O 26 de decembro comeza unha pequena xira do ciclo Cantos de Nadal no Camiño Portugués, da man de aCentral Folque. Os artistas Catarina Moura, César Prata e Ariel Ninas interpretarán un repertorio galego-portugués do ciclo de advento á epifanía en espazos singulares de gran valor patrimonial de cinco localidades galegas, percorrendo de sur a norte o camiño portugués no tramo da Galiza.

O sábado, a primeira xornada, tocarán na igrexa de Santa Liberata de Baiona, o 27 no mosteiro de Santa María de Oia, o 28 na igrexa de Santa María de Godos de Caldas de Reis, o 29 na igrexa de Santiago de Padrón e o 30 na igrexa de San Xoán de Ortoño, en Ames. As entradas, de balde, xa se poden reservar na páxina web de aCentral Folque. As capacidades son limitadas.

Os concertos servirán tamén para introducir o proxecto do Natal aos Reis na Galiza, xa presentado á outra beira do Miño con paradas en Lisboa, Guimarães, Peso da Régua, Aveiro, Nazaré, Castelo Branco, Trancoso, Guarda, Monchique e Tavira. En 2017, o trío gravou unha emisión especial para a televisión portuguesa que foi emitida a noite da Consoada, o 24 de decembro.

"A aculturación e asimilación dun repertorio foráneo, comercial e non representativo fainos esquecer -ou non valorar- o rico patrimonio galego, que ademais nos conecta cos veciños do sur e con outras xeografías. Este programa 'do Natal aos Reis' recupera e valoriza este acervo cultural", explican desde aCentral Folque.

"Na Galiza teñen un estilo, temáticas e musicalidade propias e as panxoliñas están emparentadas non só coas janeiras portuguesas senón tamén cos “villancicos” de Castela, Andalucía, Murcia, Valencia ou de Colombia e Brasil no Novo Mundo", engaden.

Os artistas

O zanfonista Ariel Ninas é a representación galega neste trío. Cun traballo que baila entre a tradición e modernidade, nos seus últimos proxectos figuran o disco Os cantos de cego da Galiza e Portugal, xunto con César Prata.

En canto ao propio Prata, fundou e dirixiu diversas asociacións culturais e traballou con colectivos no ámbito da recolla do patrimonio inmaterial en Portugal. En febreiro de 2014 editou Futuras Instalações, o seu máis recente disco a solo.

A voz deste proxecto é Catarina Moura, que integra desde 1999 a Brigada Víctor Jara e o grupo feminino de cantares tradicionais portugueses Segue-me à Capela e participou no filme Fados de Carlos Saura. 
 

comentarios