'Sermos galiza' publicará mañá a carta da poeta

Chus Pato escribe unha 'Carta aberta a Europa'

Chus Pato participa estes días no festival Days of Poetry and Wine, que se celebra ne diferentes cidades e vilas eslovenas e para oque escribiu unha 'Carta aberta a Europa', dentro dun porxecto que visa a levar a linguaxe da poesía ao discurso público. Pato escribiu unha carta -que o semanario Sermos Galiza publicará maña integramente- que apunta a identidade europea, á súa actualidade máis sangrante -con Ucraína no centro- e á busca dunha democracia verdadeira no continente. 

Chus Pato le a súa 'Carta aberta a Europa' en Ptuj. (Foto: Matej Pu šnik)
photo_camera Chus Pato lendo a 'Carta aberta a Europa', onte, na vila eslovena de Ptuj. (Foto: Matej Pu šnik)

Nestes días desenvólvese en Eslovenia o festival Days of Poetry and Wine / Dnevi poezije in vina, un dos festivais de poesía de máis prestixio de Europa Central. O festival iniciou en 2017 o proxecto Carta Aberta a Europa, unha carta dirixida a Europa coa vontade de levar a linguaxe da arte e da poesía ao discurso público.

O festival selecciona cada ano un poeta, a quen lle dá a oportunidade de abordar os temas que considera máis apremantes. A carta envíase aos membros do Parlamento Europeo, do Consello de Europa e da Comisión Europea e publícase en medios de comunicación internacionais como o Frankfurter Allgemeine Zeitung ou a London Review of Books. Chus Pato foi a poeta escollida este ano para redactar a carta que Sermos Galiza publicará mañá na versión orixinal galega. Poetas como Ilija Trojanow, Krisztina Tóth ou Durs Grűnbein precederon á poeta galega na redacción desta carta aberta.

Nesta sexta feira, na vila Eslovena de Ptuj, a propia Chus Pato deu lectura á súa carta nun acto que contou tamén coa presenza doutras autoras e autores como Eli Eliahu, Carolyn Forché, Ivan Hristov e Kristina Kočan. 

A carta xa está traducida a quince linguas europeas e, previsibelmente, continuará tendo outras versións para facela chegar a todo o continente.

A carta aberta que Chus Pato leu en Ptuj

"Europa segue a ser dúas, a Roma occidental e a Constantinopla /Moscova oriental. Occidente é unha colonia dos EEUU. Oriente unha colonia chinesa. Mentres occidente non recoñeza o oriente e viceversa, mentres non se unan as dúas metades do símbolo, Europa seguirá sendo esa mociña raptada pola luxuria dun deus antigo e patriarcal”, escribiu Chus Pato nun texto traducido ao esloveno por Marjeta Drobnič.

Ao comezo da carta, a poeta describe como acompañou a poeta canadense Erin Moure a enterrar as cinzas da súa nai no cemiterio da súa aldea natal. Unha poeta cuxas orixes están na Galitzia ucraína e a outra, autora da Carta aberta a Europa, da Galiza.

"Erin e mais eu temos a mesma idade, somos do 1955; ambas temos antepasados que naceron ben nunha Galicia, ben noutra Galitzia. Somos o resultado dese ir e vir, dese cruzar e volver cruzar o Atlántico", escribe Chus Pato.

A autora fala, entre outras cousas, de esperanza. "A Esperanza sabe agardar, pero a nós, pobo sapiens, adéstrannos para desesperar. Desesperamos porque ás veces non somos quen de idear un porvir diferente á actualidade. Desesperamos porque nos adestran para a crenza. A crenza anula o incerto, pero non pode impedir a catástrofe. Afacémonos a vivir na catástrofe e non sabemos agardar máis ca outra catástrofe”, escribe.

Segundo Chus Pato, a fe é a virtude que axuda a un home a enfrontar o feito de que non podemos controlalo todo: "A fe agarda e espera porque sabe que o risco é a raíz da liberdade. A fe consiste nun pensamento capaz do único acto que na vida podemos realizar: arriscarnos a vivir. Consiste en abrírmonos a un porvir diferente ao da submisión e ao da catástrofe (…) Se cadra poderiamos entender desde aquí que a democracia é a proposta de entrar xuntos no porvir. O que nos ofrece a democracia é o feito de compartir, en igualdade, o peso da finitude e do non saber, xa que todos e todas nos enfrontamos á mesma incerteza".

"Ogallá poidamos ver o abrente no que Europa non padeza o capricho dun deus patriarcal nin os celos da súa consorte divina. Ogallá se cumpran mil primaveras máis para estes eidos que compartimos e para os idiomas, aínda hoxe desprezados, que algúns e algunhas de nós escribimos e falamos e nos que intensas amamos”, conclúe.

Comentarios