Chotokoeu aposta por “Saír a voar” no seu novo disco

“Saír a voar” foi gravado no sur de Francia e o 21 de maio presentarase na Sala Garufa da Coruña. Chotokoeu botará a andar logo por distintos países de Europa para presentar este seu segundo disco. 

chotokoeu
photo_camera chotokoeu

O día 21, de maio as novas cancións do segundo disco de Chotokoeu sentiranse na Coruña, na Sala Garufa. A banda radicada en Uxes (Arteixo) iniciará entón a súa sexta xira europea na que recalarán en Francia, Bélxica, Holanda, Alemania, Suíza Inglaterra e a República Checa e na que participarán no Iboga Summer Festival de Cullera no mes de xullo. Ao tempo, o grupo anuncia que continuará abrindo novos camiños en Rusia, Macedonia e Latinoamérica. 

“Saír a voar” foi gravado en Pau (Francia) neste mes de marzo e o grupo contou coa colaboración de Kimbalá, a banda que abre os concertos de Manu Chao. Chotokoeu leva xa sete anos subindo ao escenario cos seus potentes directos nos que combina estilos que van do rock ao swing ou balkan. Ademais da intensa traxectoria de actuacións ao vivo, Chotokoeu promoveron e participaron en encontros como Noites de Luz, Caravana de Emerxencias ou Festival Vibra Balboa. Na súa recente xira polo estado español, Chotokoeu impúxose a máis de trinta bandas no Trebu Festival de Música Callejera de Trebujana, en Cádiz. 

Chotokoeu naceu en 2007 como banda de percusión e dous anos despois fíxose co concurso Galiza Crea. Música, teatro e malabares xúntanse nos seus espectáculos que participan en multitude de festivais. O seu primeiro álbum grávase en 2013 e leva o nome do grupo, con el anunciaban a vontade de “contaxiar enerxía, festa e alegría a todo o mundo” que continúa a presidir as súas actuacións ao vivo e é marca tamén deste novo disco que están a presentar. 

Comentarios