Chico Buarque e outros artistas da MPB apoian a loita dos estudantes de São Paulo

Chico Buarque e outros 18 artistas da MPB (música popular brasileira) veñen de gravar un tema –‘O Trono do Estudar- en homenaxe á loita dos mozos contra o peche de escolas.

chicobuarque-daniblack
photo_camera Chico Buarque e Dani Black [Rafael Saar]

Todo comezou cando Dani Black, un músico novo brasileiro que xa estivo na Galiza, compuxo nunha noite un tema solidarizándose coas protestas dos estudantes contra a “reorganización” proposta polo gobernador Geraldo Alckmin que pretendía fechar 94 escolas da rede pública de Sao Paulo.

Black cantouno no seu cuarto e subiuno inmediatamente á rede, volvéndose viral e acadando máis de medio millón de visualizacións. A partir de aí, en cuestión de poucos días, xuntáronse varios dos maiores referentes da MPB para gravalo e apoiar as protestas dos estudantes.

No tema participan Chico Buarque, Arnaldo Antunes, Paulo Miklos, Dado Villa-Lobos, Tiago Iorc, Filipe Catto, André Whoong, Fernando Anitelli,Helio Flanders, Lucas Santtana, Lucas Silveira, Miranda Kassin - Aurora, Pedro Luís, Tetê Espíndola, Tiê e Zélia Duncan,ademáis do propio autor Dani Black, que estivo na Galiza no Cantos na Maré de 2014 acompañando a Chico César.

Mentres, o Goberno do estado brasileiro decidiu suspender a medida e os estudantes abandonaron a ocupación das escolas, aínda que seguen promovéndose acción para defender a educación pública e de calidade para todos.

Comentarios