Chévere recupera os seus clásicos para celebrar os 30 anos

Probablemente a compañía de teatro galego máis popular -e cun Premio Nacional na gaveta- está a celebrar os seus 30 anos. E faino recuperando tres espectáculos míticos: 'Río Bravo', 'Annus Horribilis' e a Ultranoite dos Ananos, que poderemos ver en xullo na cidade. 

riobravo
photo_camera Representación de 'Río Bravo' en 1992

No 2017, Chévere cumple 30 anos e vaino celebrar ofrecendo ao público a posibilidade de volver asistir a tres espectáculos míticos do repertorio antigo da compañía, que se poderán ver xuntos exclusivamente en Santiago durante o mes de xullo (non haberá xira posterior). Así, grazas a unha coprodución da compañía e o Concello de Santiago, do día 4 ao 9 dese mes o Teatro Principal de Santiago acollerá o aclamado Río Bravo, mentres que a premiada ópera Annus Horribilis estará no Auditorio de Galicia entre os días 12 e 14. Finalmente, a Praza da Quintana servirá de escenario para representar a Ultranoite no País dos Ananos o día 19 de xullo. A entrada a este último espectáculo será de balde.

Con estas tres obras búscase ofrecer unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galiza desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén é, segundo Chévere, "un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos". 

Como extensión dos actos de celebración centralizados en Compostela, tamén durante o mes de xullo, a Mostra internacional de teatro cómico e festivo de Cangas acollerá unha función de Río Bravo o día 1 de xullo, mentres que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavía programará Annus Horribilis o día 16. Este espectáculo estará tamén presente no Tom de Festa de Tondela (Portugal) o 15 de xullo.

Comentarios