Chévere fica sen residencia en Teo

A compañía teatral ten que facer as maletas e deixar o concello no que estaba asentada desde 2012, desde 2014 como compañía residente após un concurso público. A nova Concellería de Cultura decidiu non volver convocar ese concurso.

CHEVERE

Chévere, unha das compañías teatrais máis importantes da Galiza e que entre unha longa lista de premios e recoñecentos atesoura o Premio Nacional de Teatro en 2014, ten que volver a mudarse. Abandona Teo, municipio onde levaba desde 2012 (desde 2014 como compañía residente), onde recalou ao ter que marchar de Compostela co pano de fondo das presións do goberno de Conde Roa (PP).

Agora, ten que volver facer as maletas. “Isto non é unha despedida. Despois de varios anos traballando no concello de Teo, Chévere deixará de facelo definitivamente neste mes de setembro. [...] Marchámonos sentíndonos para sempre parte deste territorio. E non podemos marchar sen despedirnos agradecendo o voso acompañamento e colaboración, que foi fundamental para nós. Grazas!”. Así pon no comunicado de prensa.

O motivo da despedida é a decisión da Concellería de Cultura de non convocar un novo concurso público para contratar o servizo de produción e dinamización teatral, que fora adxudicado por última vez en 2016 a esta compañía. “A finais do mes de agosto, a nova responsábel da área de Cultura do Concello comunicounos que, de momento, non ten previsto convocar o novo concurso, dándonos un par de semanas de prazo para que sacásemos as dotacións técnicas do auditorio municipal, que son de Chévere, e o resto do material da compañía”, indican o comunicado.

Após as eleccións municipais de maio, o goberno local de Teo é unha coalición entre Son de Teo e PSdeG, sendo a área de Cultura xestionada polos socialistas.

Comentarios