Chévere estrea o seu “panfleto teatral” sobre a Eurozona

Eurozone é a nova proposta coa que Chévere se achega á crise da unión monetaria europea. Unha das estreas máis agardadas do ano que terá lugar o día 22 en Teo.

 
eurozone
photo_camera eurozone

Como un “panfleto teatral sobre a crise da Eurozona” presentan os Chévere a súa nova aposta teatral, un espectáculo que se estreará o próximo día 22 de febreiro no Auditorio da Ramallosa, despois dun proceso de produción compartido a través da súa plataforma web Redenasa onde quedou pegada da evolución do espectáculo.

Casinos, bailes de salón, revisita a Reservoir Dogs de Tarantino ou o argot económico son algúns dos elementos cos que se constrúe esta produción que, extraordinariamente en tempos de crise, contará con oito actores e actrices en escena. A ambiciosa produción, a de maior dimensión das novas estreas, subirá ao escenario a Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade e Borja Fernández que compoñen o cadro de Eurozone. A dirección e dramaturxia de Xron e escrita de Manuel Cortés, nomes da compañía desde os seus inicios, apuntan cara unha estrea chévere, chévere.

Con marcado estilo da compañía adivíñase entón esta Eurozone que se presenta cargada de crítica, ao partir da “perplexidade como cidadáns, da impotencia e da carraxe”. A compañía leva así á escena o “gran atraco especulativo ao máis puro etilo Tarantino”, presentando a mantenta un diálogo con Reservoir Dogs.

As clase dirixente europea perpetra o atraco do século mais algo sae mal co cal van dar a un espazo no que se atopan coa raiba e a indignación. Deste punto parte Eurozone para se adentrar na crise especulativa e na necesidade da resposta. 

Eurozone estréase no Auditorio da Ramallosa, no concello de Teo onde a compañía é residente, o próximo día 22 de febreiro e representarase tamén o 23 e 24. 

A compañía foi noticia tamén esta semana pola representación da súa obra Citizen en La Casa Encendida en Madrid os días 12 e 13 no festival Escena Contemporánea. 

Comentarios