Cheo no programa 'Visitas cruzadas' do Museo de Pontevedra

Esta fin de semana botou a andar este programa divulgativo coa cantora Uxía e a actriz Isabel Risco. E xa están esgotaas as prazas para a segunda sesión co cineasta Joge Coira e o xornalista Manuel Gago. 

isarisco
photo_camera Visita guiada con Isabel Risco e Uxía o pasado domingo

Logo de abrirse o prazo de inscrición, en apenas dúas horas esgotáronse as 50 prazas  para participar na sesión do vindeiro domingo de “Visitas Cruzadas”. Trátase da segunda xornada deste programa especialmente deseñado para dar a coñecer as coleccións do Edificio Sarmiento e do Sexto dun xeito diferente ao habitual e da man de diversos persoeiros do eido cultural galego. O vindeiro domingo as persoas que exercerán de ‘guías ocasionais’ serán o director de cinema Jorge Coira e o xornalista e blogueiro Manuel Gago.

Cada xornada inclúe dous itinerarios diferentes de 30 minutos de duración, e cada un deles correspondente a unha persoa que exerce de ‘guía ocasional’. Cada unha destas dúas persoas comeza o seu itinerario guiando a un grupo de 25 participantes e ao cabo da media hora, os participantes de cada grupo cambian de guía. Ao final da segunda media hora, ambos grupos e ambas persoas guía re-encóntranse na planta superior do Sexto, zona terraza, onde se servirá un petisco de cortesía que funcionará como espazo de intercambio de opinións de xeito distendido.  O horario destas visitas será de 12h a 13:30h. 

Este programa foi inaugurado o domingo pola cantante Uxía e pola actriz Isabel Risco, e tamén se estreou con todas as prazas cubertas. O obxectivo de “Visitas Cruzadas” é achegar as obras do Museo de Pontevedra a través das emocións e das experiencias persoais das persoas que exercen de ‘guías ocasionais’, unha fórmula que Xosé Leal, responsable de Cultura da Deputación. cualificou como “moi acaída para conseguir que moita xente que non ve o Museo como un lugar accesible se achegue nunha primeira experiencia e que funcione como aperitivo dunha visita posterior”. 

Comentarios