Chelo Facal, pintora: "Emprego nas miñas obras 'Nós Diario' porque é o xornal que compro e leo"

Chelo Facal, pintora (Concha Facal)
photo_camera Chelo Facal, pintora (Concha Facal)

Chelo Facal leva 32 anos pintando. Case unha vida. A súa obra é tan persoal como o seu carácter, íntegro e libre. Forma parte da nómina de artistas por vocación que souberon seguir o seu camiño por moitos atrancos que atopase. Desde Os Mallos, na Coruña, debuxa soños que comparte, sempre que pode, en proxectos solidarios que procuren un mundo mellor. E, sobre todo, non ten medo a dicir o que pensa nin á censura que poida chegar. 

Como foron os seus inicios na pintura?

Duros. Foron moi duros. Ser muller, daquela, non axudaba. Máis aínda na miña época, onde a parella tiña que asinarche os permisos para case todo e non había liberdade. Por outro lado lembro con agarimo que había outra vida intelectual, moi centrada nas cafetarías. Eran un lugar de encontro. Os meus inicios? Eu pintei e debuxei toda a vida. A verdade é que era unha mala estudante e todo me parecía aburrido nas aulas... daquela debuxaba.

Na casa deixábanme aínda que meu pai non quería que estudase na Escola de Artes e Oficios, quería que fixese unha carreira superior. Meu pai e miña nai tiñan carreiras universitarias e non lles parecía ben, se quería tería que facer Belas Artes. Un día decidín sacarlle partido a esta habilidade que tiña. Como ocupaba só media xornada no traballo, o resto do día pintaba. Foi aí cando comecei a vivir da pintura. 

O mundo artístico vive un mal momento?

Está difícil para a galería pequena e para o pintor ao que non lle interesa o mundo do capital. Creo que temos un momento de retorno a unha época moi clasista. Hai un retroceso na forma de pensar. Pensa que mesmo chegaron a reducir no ensino horas de Filosofía... desde o momento en que non interesa que a xente pense, tampouco interesa a arte, que é libre, sexa pintura ou literatura. Interesa que sexamos un pouco zombis e que lle fagamos caso ao capital.

Hai unha rede artística alternativa?

Si. As miñas amizades. Está María A Flaira, Alberto Franco, Carlos Manuel Armas,... que teñen un pensamento de esquerdas e buscan o seu lugar. Estamos nun momento en que se tende ao fácil, ao rápido e nós buscamos outra cousa.  

Nas súas últimas obras emprega como material o 'Nós Diario'. Hai algunha razón? 

Porque é o xornal que compro e leo cada día xunto co diario dos Mallos. Nunca na vida mercaría La Voz de Galicia nin La Opinión... ou o ABC... a non ser que o fixese de maneira expresa para facer unha crítica.

Que retrata na súa obra actual?

Agora mesmo son imaxes oníricas que poden responder a unha realidade. Mais sempre é a miña realidade. O meu forte é a cor. Creo que a pintura para min é unha escusa para distribuír as cores por toda a obra. Pinto sensacións. Non fago unha crítica social por medio do debuxo mais gústame apoiar causas e teño participado en exposicións LGTBI ou de Amnistía Internacional. 

Que papel debería xogar o artista nesta sociedade?

Creo con sinceridade que todo o mundo debería xogar un papel nesta sociedade e se es público, como o noso caso, e tes a posibilidade de que alguén escoite o que ti ves paréceme que é case unha obriga. Toda a publicidade que fas e que che serve para vender e sobrevivir no mundo da pintura coido que tes que empregala para facer un mundo libre para que a xente se decate de que todos somos iguais e cos mesmos dereitos, que a persoa que tes diante ten os mesmos dereitos que tes ti. En todo momento, como artista, tes que facelo ver. Non tes que berrar consignas como fan algúns nos bares e logo pasan de todo. Tes que dar un exemplo.

Falar e non dar exemplo non é apropiado. Se falas de austeridade non podes ir por aí cun coche novo ou se falas de ecoloxía non podes abusar de viaxar en avión co que contamina. Tes que dar un exemplo de vida en todo. O que pinta e tamén o que anda pola rúa.

Comentarios