Festexa a cultura galega e honra a Manuel María

Chega o terceiro Convivio da Cultura Galega

A terceira edición da Convivio da Cultura Galega -da que Sermos Galiza publicou unha reportaxe no número 203- dará comezo ás 11.00 horas de mañá, 9 de xullo, na horta da Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei. Pola tarde haberá foliada na Carballeira de Santa Isabel, onde Manuel María escribiu as súas primeiras obras, após dun xantar tradicional no lugar.

Imaxe da actuación das bandas musicais no Convivio da edición 2015. Cedida
photo_camera Imaxe da actuación das bandas musicais no Convivio da edición 2015. Cedida

Mañá, sábado 9 de xullo, a Carballeira de Santa Isabel será un espazo de ocio para todo aquel que decida achegarse á localidade de Outeiro de Rei. O terceiro Convivio da Cultura Galega ofrecerá bandas musicais, camiñata con ofrenda incluída a Manuel María, no cemiterio onde está enterrado; xantar, foliada, romería e concerto ao final da tarde para rematar a festa, no que Uxía interpretará pezas do seu traballo: Uxía Canta a Manuel María.

Farase unha camiñata con ofrenda a Manuel María, no cemiterio de Outeiro

As bandas musicais de Solfa, de Rábade-Begonte-Outeiro e a xuvenil de Rianxo farán o recibimento ás 11 horas na horta da Casa Museo, da cal sairá a camiñata cara a Carballeira de Santa Isabel, onde ás 14 horas terá lugar un xantar tradicional ao que cada grupo de amigos e familiares levará os seus propios alimentos. Mais antes desta comida, a excursión a pé fará un alto no camiño no cemiterio de Outeiro para facer unha ofrenda a Manuel María e, ao chegar á Carballeira, as bandas de música tocarán para amenizar os momentos previos ao xantar.

Uxía pechará a xornada interpretando pezas do disco Uxía canta a Manuel María

Pola tarde farase unha foliada na que os grupos que solicitaron permiso tocarán varias pezas, mais todo aquel que desexe tocar un instrumento poderase unir á festa. O Convivio será fechado por Uxía, cun concerto no que cantará pezas do seu disco: Uxía canta a Manuel María, traballo gravado na propia casa museo o 6 de outubro do ano pasado, data na que o Poeta de Outeiro houbese cumprido 86 anos.

Comentarios