Chega a terceira edición do Festival Agrogay dedicada á muller do rural

Unha das apostas máis singulares do verán galego regresa na última fin de semana de agosto a Monterroso. É a terceira edición do Festival Agrogay da Ulloa.

agrogay
photo_camera Imaxe dalgún dos organizadores/as do Festival

O Festival Agrogay da Ulloa, que ten por lema ‘Son Agrogay’, celebrarase novamente na Granxa Maruxa –situada na localidade de Cumbraos, a 3 km de Monterroso– e na propia vila de Monterroso (Lugo). 

O festival ten como principal obxectivo visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. Ademais, aposta por amosar, defender e pór en valor outros principios como a sustentabilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo. 

Nesta edición queren darlle especial visibilidade a “esa muller do rural, verdadeiro soporte dunha forma de vida e produción en íntima conexión coa terra. A todas esas mulleres anónimas e silandeiras que, sabéndose diferentes na súa afectividade e renunciando incluso ao amor, deron a súa vida e sabedoría polo mantemento da vida no rural.

Os Modernos, Chévere e a Banda das Crechas

A programación do Festival ten como cabezas de cartel aos Modernos e á Banda das Crechas, cuxo vocalista -Davide Salvado- é un dos promotores do evento. Ademais, tamén haberá mostra de curtametraxes agrogays, DJs, teatro, contacontos e outros concertos. 

Todo comeza a sexta feira 26 de agosto na praza do Alcalde de Monterroso, onde terá lugar unha mostra de curtametraxes agrogays e logo senllos concertos de Sofía Espiñeira e Os Modernos. 

A xornada do sábado 27 terá lugar na Granxa Maruxa de Cumbraos, onde haberá unha feira de artesanía, un posto de loita tradicional galega, ioga e unha mesa redonda en torno ás minorías LGTBQI e o rural. 

Ademais da sesión vermú co grupo As Boubas, haberá contacontos a cargo de Brais das Hortas e a compañía Chévere ofrecerá o espectáculo ‘As fillas bravas’. O fin de festa na Granxa chega co concerto da Banda das Crechas. Logo pola noite farán un roteiro de integración na vila de Monterroso polos bares ‘agrogay friendly’ e o festival rematará na carballeira da Área Natural A Peneda cunha sesión golfa con Moreno Moreno DJ. 

Premios á Visibilidade Agrogay

Ademais, lerán un manifesto e entregarán os premios á Visibilidade Agrogay. Lembramos que este festival está organizado polo Colectivo Agrogay da Ulloa. Trátase dun evento autosustentado, sen ánimo de lucro e “coa única intención de alcanzar os obxectivos anteriormente descritos e cubrir os gastos xerados pola organización do evento”.

Comentarios