Impulsado pola Deputación da Coruña

Chega ás redes o proxecto cultural dixital 'Referentes'

O vindeiro mes de marzo botará a andar nas redes sociais o proxecto audiovisual dixital Referentes, unha proposta impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña.
Equipo
photo_camera Mercedes Peón, Xurxo Couto, Marga Pazos, Alfonso Zarauza e Lucía Freitas. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro mes de marzo botará a andar nas redes sociais o proxecto audiovisual dixital Referentes, unha proposta impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña que ten por obxectivo levar a cabo un diálogo “desenfadado e motivador entre persoas de referencia da nosa cultura.

Referentes estrearase o 4 marzo en Facebook e Youtube e estará conducido pola xornalista Marga Pazos, quen recibirá nesa xornada inaugural a música Mercedes Peón e a cociñeira Lucía Freitas. Trátase pois dun ciclo de charlas con persoas de referencia para cultura galega e estará dispoñíbel de balde co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras do deputado Xurxo Couto.

A iniciativa, conta o deputado, quere contribuír “neste contexto pandémico no que se unen certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede". Supón "un novo proxecto que busca recuperar o pracer do diálogo amábel e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses”.  

A esta proposta pretende "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán unha visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora". 

O obxectivo que persegue a Deputación, recalca Couto, é o de "imaxinarmos novos mundos desde o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade", porque "unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Couto.

"No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar o noso... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten". 

'A cultura é un dereito'

Referentes enmárcase dentro da campaña "A Cultura é un dereito", artellada pola Área de Cultura da Coruña para afianzar a mensaxe de que a cultura constrúe unha sociedade viva, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.

"Ao noso ver, a cultura é fundamental, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Comentarios