O festival Atlántica expándese a todo o país

Arredor de 40 actuacións terán lugar nos concellos de Compostela, A Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol, Lalín e Teo entre o 15 e o 19 de marzo. 

IMG_8126
photo_camera Pilar Faxil, Marta Lois,Soledad Felloza, Suso Basterrechea e Lara Rodríguez

Chega a quinta edición do Festival Atlántica, que se vai celebrar entre os días 15 e o 19 de marzo nos concellos de Compostela, Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol, Lalín e Teo, con case 40 actuacións. Na cuarta feira tivo lugar no Museo do Pobo Galego a presentación da edición na que participaron representantes dos concellos que apoian o festival.  

Os cinco anos de vida de Atlántica coinciden coa súa ampliación xeográfica. Este ano contará coas voces de Sofía Maul (Madeira), Valter Peres (Azores), Claudia Fonseca (Brasil), Christian Atanasiu (Alemaña), Vitor Fernandes (Tras Os Montes), Soledad Felloza (Uruguay) e Pablo Albo (Alicante). Da Galiza estarán Quico Cadaval, Celso F.Sanmartín, Paula Carballeira, Cándido Pazó, Fátima Villamel, Charo Pita, Fátima Fernández, Raquel Queizás, Ana Carreira e Manuel Gago. 

Para todos os públicos

Como en edicións anteriores, Atlántica volve programar actuacións para todos os públicos. Haberá de novo espectáculos para adultos, mais tamén para cativas e cativos, que se van desenvolver nas escolas e nos centros socioculturais dos concellos participantes. Ademais, estas últimas actividades van ser gratuítas por mor da colaboración dos propios centros. O carácter inclusivo do festival reafírmase coas sesións de contos para bebés e co espectáculo en lingua signada, unha novidade da pasada edición que volve este ano.

Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013, con sede en Compostela, cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Trátase dun ambicioso encontro artístico que xunta na Galiza un amplo abano de narradoras e narradores de diferentes países do mundo con ribeiras no Océano Atlántico, máis unha ou un convidado “doutro” mar. O obxectivo do festival é indagar nas raíces comúns das historias do Océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Atlántica está organizado por un grupo de profesionais do espectáculo e da xestión cultural dirixidos pola actriz e narradora Soledad Felloza.