Chega o podcast policial 'Un home estraño'

Baseado na novela homónima de Antonio Tizón, con guión do propio autor, consta de 13 capítulos e unha trama coas enfermidades mentais como pano de fondo.
Antonio Tizón
photo_camera Antonio Tizón

A próxima semana estréase o podcast Un home estraño. En 1980, no marco histórico da Transición, en pleno debate sobre o Estatuto de Autonomía da Galiza, o daquela inspector de segunda, Xosé Sánchez Pereiro, enfróntase ao primeiro caso de asasinato da súa carreira: o crime de Manuel Ferro, un arquitecto que traballa no concello da Coruña, presidido entón por Domingos Merino.

Nese contexto realista, aparece "un home estraño" que semella vivir á marxe da sociedade da súa época. Quen era aquela personaxe que cantaba cada tarde no Cantón Grande da Coruña ao pé da estatua de Curros Enríquez? E que relación ten coa trama dunha historia aparentemente policial?

Un home estraño é un podcast de 13 capítulos realizado a partir dun guión de Antonio Tizón, baseado na novela do mesmo autor e co mesmo título, que levou o VI Premio Cidade Centenaria de Ribeira e foi publicada por Xerais en 2018.

É esta a segunda entrega dunha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en chave de xénero negro, pretende achegarse, desde distintas perspectivas, ao tema catalizador, que non único, da enfermidade mental.

A esta serie pertencen A antesala luminosa (2015) e Os incurábeis (2020), unha obra en proceso de reconversión neste formato aínda pouco explorado na literatura galega.

O podcast conta ademais con música de Miro Casabella, dirixido por Eugenia Sanmartín. Será emitido por Radio Fene Radiofusión ás 10 e ás 14.30 horas entre o 15 e o 30 de decembro de 2020. Participaron como actores e actrices Oscar Gaez, Helga Méndez, Franki Muíño, Luis Pillado e Roger de Flor, coa colaboración especial de Cándido Barral e Leo Toral.

Comentarios