AXENDA

Chega o máis agardado do Revenidas

Co sábado, chega un dos días máis agardados do Festival Revenidas, con sardiñada popular, rueiros e os concertos durante a noite de Doen, Riot Propaganda, Desakato, Skindread, Pupil-Les e Dakidarría. E o domingo, moito máis.

Ambiente Revenidas (5)
photo_camera [Imaxe: Revenidas]

Após a grande afluencia de asistentes na primeira xornada do Festival Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), chega un dos días máis esperados, o sábado, que ten no parque de Dona Concha o epicentro durante o día. Así, ás 10h comezou a feira Revenida, e ás 13, 15h e 17h terán lugar os Concertos A Bordo.

Os Terribles de Arousa, Recuncho Dub, Bloco Aperta Galifunk Brass e Gran Gala Circo Flores contra o esquecemento tamén porán a nota musical ao longo da xornada, que se completa con dúas sardiñadas populares e con cociña ao vivo.

Xa á noite, a partir das 21h, será a quenda de Doen, Riot Propaganda, Desakato, Skindread, Pupil-Les e Dakidarría. Un DJ porá o broche de ouro á festa do sábado, que se prolongará alén das 4h.

Domingo

A Feira Revenida volverá abrir de 10h a 22h, e ás 13h comezará o concerto de De Vacas, un dos grupos revelación do panorama musical nacional. Os Concertos A Bordo, Recuncho Dub,

Sara Hebe, Voodoo, Auxili, O Leo arremecághona, La Duendeneta, Txarango, Zapa e Bohemian betyars serán as bandas que actuarán na derradeira xornada da presente edición.

Unha das citas ineludíbeis do verán

Tamén coñecido como o Festival das Linguas, o Revenidas converteuse nunha referencia no noso país pola súa aposta na música feita en galego, xunto coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente. O seu propósito, desde o seu nacemento en 2003, segue vixente: “o compromiso do festival co país, coa nosa cultura e coas persoas que fan que exista”.

As entradas poden adquirirse na seguinte ligazón.

Comentarios