Chega o Feito a Man con Fanfare Çiocarlia e Radio Cos de cabezas de cartel

En agosto, despois do Apóstolo chega o festival Feito a Man, unha veterana proposta musical xestionada polos propios locais da asociación Cidade Vella, que nos trae o máis interesante do panorama nacional e máis alá.

fanfare
photo_camera Fanfare Çiocarlia

O Feito a Man 2016 desenvolverase do 2 ao 27 de agosto nas rúas e prazas da cidade vella compostelana. Por el pasarán sesenta propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega… Desde os galegos Igmig, Sokram, a Ukestra do Medio, Agoraphobia, Samesugas, Poetarras, Woyza, a Banda das Crechas ou os Tis Che Tein.

Até os cataláns Criatures, o cubano Alejandro Vargas co seu trío, o brasilego Sérgio Tannus, Michelle Alany desde Texas, os madrileños Gatos Bizcos ou a suízo-galega Nastasia Zürcher. Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato, así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas Prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario, Cervantes ou Quintana. 

Día grande cunha ‘Foliada Balgalaika’

O “día grande” do festival que será o domingo 21 cunha Gran Foliada Balgalaika na que actuarán os coruñeses Radio Cos e os romano-ciganos Fanfare Çiocarlia, coa que a organización quere celebrar “o encontro entre as músicas ‘gipsy’ dos balcáns e as músicas bailables da tradición galega; o encontro entre as músicas do oriente e do occidente europeo”.

Fanfare Çiocarlia é o grupo musical máis internacional de Rumanía, que conta cun palmarés que a confirma como unha das bandas de metais máis populares do planeta. Os seus shows ao vivo son unha experiencia sonora salvaxe e impresionante.

Radio Cos, o dúo tradicional formado por Quique Peón e Xurxo Fernandes, cantantes e percusionistas do grupo, dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza que levan xa 10 anos percorrendo Europa cos seus sons, cuxas melodías pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas. Veñen de ser elixidos na selección oficial de WOMEX 16, a maior feira de músicas do mundo que se celebrará en outubro en Compostela. Só dous artistas galegos o fixeran antes: Mercedes Peón en 2010 e Davide Salvado en 2014.

Comentarios