Chega a estrea de ‘A cabeza do dragón’, primeira obra de Valle-Inclán representada en galego

​Esta sexta feira chega a primeira representación de Valle-Inclán en galego, como consecuencia da liberación de dereitos e, polo tanto, a extinción da prohibición da familia. As funcións de 'A cabeza do dragón', dirixida por Quico Cadaval, serán os días 3,4,5,9,10 e 11 de marzo no Teatro Principal.

RP A cabeza do dragon_2
photo_camera Presentación do espectáculo esta mañá

Hoxe presentouse en Compostela un dos fitos culturais do ano: a estrea de 'A cabeza do dragón', a primeira representación teatral dunha obra de Valle-Inclán en galego. Producións Teatrais Excéntricas (a compañía de Quico Cadaval e Mofa e Befa) presenta esta fábula que poderemos ver por primeira vez no Teatro Principal os días 3, 4, 5, 9, 10 e 11 de marzo ás 20.30 horas.

Cadaval é precisamente o responsable da dramaturxia e dirección do evento e tamén estará no escenario, acompañado dun elenco de luxo: Iván Marcos, María Costas, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina e Marcos Orsi. Baltasar Patiño deseñou a escenografía e o espazo lumínico; Suso Montero o vestiario, atrezzo e deseño gráfico; e a música, composta por Javier María López, está interpretada polo TAC, Taller Atlántico Contemporáneo, formado por prestixiosos músicos, moitos deles membros da Real Filharmonía de Galicia, dirixido por Diego García Rodríguez. Alén das funcións o 9 de marzo haberá un coloquio ao remate co director e algún membro do elenco artístico.

Tamén conta con música orixinal composta por Javier María López e interpretada polo Taller Atlántico Contemporáneo

Entre a magnética influencia do Xapón e a potente tradición da farsa europea, chea de máscaras e de acrobáticos combates, móvese esta primeira versión galega de “A Cabeza do Dragón” no 80 aniversario da morte de Valle-Inclán. Trátase da primeira obra de Valle-Inclán que se representa en galego e será apta para todos os públicos para que poida ser gozada tanto por nenos e nenas, como adolescentes e maiores.

Unha fábula

"A cabeza do Dragón” foi incluída polo autor, Ramón María del Valle-Inclán, nunha colección de farsas que, titulou, ironicamente, “Retábulo de marionetas para educación de príncipes”. A historia conta, mais unha vez, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamén na nosa, a cultura europea.

A historia conta, mais unha vez, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamén na nosa, a cultura europea.

Un príncipe, Verdemar, foxe do reino materno por ter desobedecido ao rei, seu pai. No seu camiñar, cheo de experiencias, vai dar ao reino de Micomicón, que está a tremer baixo o alento fétido do Dragón. Como é costume, débenlle entregar a princesa Brancaflor ao monstro se queren salvar as vidas e as facendas do reino. Enmascarado para ocultar a súa identidade, Verdemar mata o Dragón coa espada máxica e desaparece. Un capitán de bandidos, Espandián, topa a cabeza do monstro, e con ela vai reclamar o premio: a man da princesa e a coroa do reino. Ela rexeita o impostor, e aquí é onde traballa o Duende, que leva toda a historia a coidar do príncipe en pago dunha antiga débeda: a liberdade.

Nesta fabula, que é do dominio público, Valle-Inclán introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso... A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan de actualidade. Valle-Inclán, coas oportunas manipulacións, leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento.