As cinco chaves do Bono Cultural que poderán empregar 23.000 galegos e galegas

O pasado 6 de outubro, o presidente do Goberno español anunciou un bono de 400 euros para fomentar o consumo de actividades e produtos culturais na mocidade.
Unha sesión no festival de cinema que decorre no Porriño. (Foto: Festival de Cans)
photo_camera Unha sesión no festival de cinema que decorre no Porriño. (Foto: Festival de Cans)
  1. Persoas beneficiarias
  2. Importe concedido
  3. Negocios que se poden adherir
  4. Produtos, servizos e actividades
  5. Compatíbel con outras axudas

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, anunciou esta quinta feira que que a partir deste domingo, 18 de xullo, as empresas e entidades que o desexen poderán solicitar a súa adhesión ao Bono Cultural, destinado á mocidade do Estado español para que poida acceder con maior facilidade ao sector da cultura.

Segundo explicou Miñóns, o Bono Cultural destaca o "apoio decidido do Goberno español ao sector cultural" e o efecto que terá esta medida para a recuperación das empresas culturais tras o impacto da pandemia de coronavirus.

Persoas beneficiarias

No caso da Galiza, 23.000 mozos e mozas que cumpriran ou cumpran os 18 anos ao longo de 2022 poderán solicitar  o Bono Cultura.

Tamén poderán solicitalo todos aqueles mozos e mozas que teñan a nacionalidade ou a residencia española, así como aqueles que sexan solicitantes de asilo. É o caso de, por exemplo a mocidade ucraína refuxiada no Estado español.

Importe concedido

Cada persoa beneficiaria do Bono Cultural recibirá unha contía de 400 euros, válidos para gastar nos doce meses seguintes ao momento no que se produza a concesión do mesmo. En total, o Ministerio de Cultura destinará 9 millóns de euros na Galiza para sufragar esta axuda.

Negocios que se poden adherir

As empresas e negocios que poderán solicitar a súa adhesión ao Bono Cultural a partir deste domingo son librarías, teatros, tendas de música, festivais, salas de cinema, museos e outras tendas ou recintos de carácter cultural.

Produtos, servizos e actividades

O Bono Cultural poderá ser empregado para todo tipo de produtos, servizos e actividades de carácter cultural, sempre e cando cumpran os requisitos recollidos na convocatoria da axuda.

Poderase empregar para a compra de entradas e abonos a distintos espectáculos musicais, teatrais, literarios; bens culturais en soporte físico, como libros ou discos; e subscricións a diferentes publicacións ou servizos relacionados co sector cultural, entre outros.

Compatíbel con outras axudas

A concesión do Bono Cultural será compatíbel coa recepción de calquera outro tipo de subvención, ingreso ou axuda procedente das demais administracións públicas.

Comentarios