Baia Edicións presenta 'Xelarias. Palabra á intemperie'

Charla a tres bandas con Xela Arias, Emma Pedreira e Laura Romero

No aniversario de Xela Arias, 4 de marzo, Bahía Edicións presenta Xelarias. Palabra á intemperie, de Emma Pedreira e ilustrada por Laura Romero.
xela-arias-01
photo_camera A poeta Xela Arias. (Foto: Nós Diario)

Baia Edicións conmemora o nacemento da poeta Xela Arias (Sarria, 4 de marzo de 1962), autora homenaxeada coas Letras Galegas 2021, e faino coa edición de Xelarias. Palabra á intemperie.

Unha obra na que se estabelece unha conversa a tres bandas, entre a propia poeta á que se lle dedica este volume e a tamén escritora Emma Pedreira e mais a artista gráfica Laura Romero.

Xelarias. Palabra á intemperie pretende presentar a “Xela Arias poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora”, tal e como comunican desde a editorial. 

No volume, Emma Pedreira fai unha aproximación en forma de diálogo “usando as palabras que deixou escritas a poeta sobre ela mesma ou partes das súas obras para respondelas, comentalas e reflexionar sobre elas”, explica a propia autora, "coa ollada da poeta en conversa coa outra poeta que xa non está presente". 

"Non quero facer unha biografía ao uso", escribe a autora no limiar, "quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser até eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, ando debullando o íntimo dos seus versos nos meus", recalca sobre o traballo a escritora.

A tarefa artística de Laura Romero, pola súa parte, mestura os debuxos e mais a colaxe na procura de “aumentar o carácter de introspección na propia alma das palabras de Xela”, comentan. Deste modo, partindo do traballo gráfico amplíanse a tres as bandas da conversa sobre a que se sostén Xelarias. Palabra á intemperie.

Un volume de 52 páxinas no que, ademais do diálogo creado entre as tres artistas, inclúe tamén unha cronoloxía que dá conta da vida de Xela Arias e mais unha listaxe de ligazóns onde escoitar e ver diversas interpretacións da súa obra noutras voces e noutras músicas.

Comentarios