Caderno de Verán

Unha charanga renovada

As festas patronais xa non soan a pasodobre coa Charanga Mekánica -ou Mekánica Rolling Band-, pois este grupo reinventou o repertorio e estaba a triunfar nas verbenas galegas até que chegou a crise sanitaria. Para quen non poida aguantar, en breve sacarán disco á rúa
fotin mekano
photo_camera Imaxe da Charanga Mekánika nunha ruada de verán (Foto: Cedida)

Quen teña visto polas festas da Galiza adiante a Charanga Mekánica sabe que os seus membros non cumpren os estereotipos deste tipo de grupos. Están tan fóra do carril que segue o resto que até negan a maior de que este é o ano de grupos como o seu.

“A situación está mal, a axenda foise a un 20% do que facemos habitualmente e os concellos teñen medo a programar ou fechan ruadas para retiralos a semana seguinte”. Aitor García, cantante e teclista desta banda que tamén comezaba a ser habitual en vodas, non evita ser realista. Hai preocupación no ambiente.

Porén, iso non significa que os nove compoñentes da formación non estean a traballar arreo. Compaxinan as poucas actuacións cun labor de portas para adentro. Levan meses preparándose porque ían “sacar un disco e a promoción sería no verán”. Pero a inestabilidade tombou as súas previsións e adiaron a estrea a outubro.

“Sacaremos un single e estamos preparando a gravación do videoclip”, avanza García, que destaca que o novo plan é facer “promoción en inverno até marzo” coa idea de que logo poidan volver xirar con normalidade.

Desde logo a xente moza estará esperando por todas as novidades porque fans non lle faltan á súa música que se aparta da canción tradicional de charanga e vai polos camiños “do ska, o rock, o reggae…”.

Para enmarcar xa son algunhas das súas actuacións dos últimos cinco anos, co batería cabalgando un remolque tuneado, se ben a sorpresa pode ser maior cando estea nas rúas o primeiro traballo discográfico. “O 80% son temas propios e hai dous tradicionais, pero de música popular, co noso arranxo e o noso estilo”, indica o cantante.

A Charanga Mekánica tivo dúas etapas en 17 anos. Unha ao uso até hai cinco anos, cando aínda sendo fieis á cultura do país, decidiron emprender “un novo proxecto cambiando o repertorio, a idea, o estilo e o carácter para ser unha banda de rúa”. A proposta convenceu aquí e por aí adiante.

“Foinos moi ben, non hai barreiras co idioma”, remarca García, que finiquita: “O galego, se a canción mola, acéptase como outra lingua calquera”.

Comentarios