CULTURA

E o Chanfaina Lab regresou a San Sadurniño

Cinema

E o Chanfaina Lab regresou a San Sadurniño

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu na tarde do sábado o encontro audiovisual Chanfaina Lab, onde se reproduciron 21 curtas cun nexo en común: a propia vila.

SAN SADURNIÑO

O encontro audiovisual Chanfaina Lab chegou á súa segunda edición cunha presenza de público que superou as expectativas. Durante a tarde do sábado proxectáronse un total de 21 curtas que tiveron un fío condutor común: San Sadurniño.

As pezas, na súa maioría de autores e autoras locais, como David Anca, Fran Bermúdez, Sabela Íñiguez ou Patricia Lamas, foron gravadas na fin de semana do 4 ao 6 de setembro con absoluta liberdade sobre o tema e o tratamento visual. A única esixencia era que tivesen a ver con San Sadurniño e que contasen cunha duración de entre tres a cinco minutos.

As curtas reproducidas na tarde do sábado trataron temas tan dispares como o devir do tempo, o rural, a emigración ou as diferenzas sociolóxicas entre as parroquias do concello, entre outras. O encontro audiovisual, impulsado pola Aula CeMIT, continúa nas próximas semanas coa estrea na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño. A organización salienta o suceso que recadaron as curtas na pasada edición, con numerosas reproducións na internet.

Dúas curtas da pasada edición foron premiadas no Curtocircuito

O eco do Chanfaina Lab vai alén de San Sadurniño. Na pasada edición, o Curtocircuíto premiou Cruz Piñón, curta de Xisela Franco e Proba de axilidade, de Jaione Camborda. “Outro dos obxectivos do Chanfaina é o de dar a coñecer o territorio tanto na rede como diante dos públicos que asisten a festivais ou que acceden a estes contidos por outras canles de difusión”, salienta a organización.

Amais dos autores e autoras de San Sadurniño, Fran Bermúdez, Ary López e Sabela Íñiguez, Abel Vega, Patricia Lamas, Miguel Sanjurjo e David Anca, participaron no encontro Antón Caeiro, Lucía Vilela, Sandra Sánchez, Mar García, Miguel Mariño, Diana Toucedo, Gonzalo Veloso, Ana Domínguez, Xiana Gómez, Susana Rey, Mar García, Giselle Llanio, Natalia Porca, Álvaro Gago, Alberte Branco -director de fotografía do filme Los Fenómenos-, Gabriel Tizón -encargado do resume fotográfico- e os realizadores Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós -este último con raíces en Naraío-, responsábeis do viral "Ferrol Mola".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios