Chanfaina.Lab converte San Sadurniño no centro do cinema alternativo galego

Todo San Sadurniño convertido nun plató cos principais nomes do Novo Cinema Galego realizando novos proxectos.

Chanfaina Lab
photo_camera Chanfaina Lab

23 cineastas e participantes da creación audiovisual daranse cita este sábado á mañá en San Sadurniño para participaren do Chanfaina Lab, unha novidosa iniciativa de encontro, produción e debate con grande protagonismo para o Novo Cinema Galego. O concello avisa de que calquera veciñ@ pode ser protagonista ou extra dunha historia de cinema. 

Pode un concello pequeno, maiormente rural, converterse en capital do cinema alternativo galego? Pode e este sábado demostrarase en San Sadurniño cando se materialice un proxecto ideado e realizado por Manolo González, Beli Martínez e Carme Suárez xunto co Concello e que convocará a algúns dos nomes máis recoñecidos do Novo Cinema Galego. Despois do suceso de Cans, a recente andaina do Festival do Carlos Velo en Cartelle e Celanova ou o de Riós, a Chanfaina.Lab vén confirmar que boa parte do dinamismo do audiovisual galego está a pasar polo rural. 

"Despois do suceso de Cans, a recente andaina do Festival do Carlos Velo en Cartelle e Celanova ou o de Riós, a Chanfaina.Lab vén confirmar que boa parte do dinamismo do audiovisual galego está a pasar polo rural". 

Un total de 23 cineastas e distintos representantes da creación audiovisual participarán na iniciativa na que, alén do debate e a proxección de traballos xa estreados, desenvolverase unha xornada de gravación para a elaboración de novos proxectos audiovisuais. O Chanfaina Lab terá no encontro DZINE que se desenvolverá no sábado á noite un dos seus espazos máis agardados xa que aí se darán cita algúns dos nomes máis representativos do Novo Cinema Galego e, ademais de proxectar algúns dos traballos máis significados do movemento, poderanse intercambiar opinións cos seus protagonistas. 

Unha manchea de novos proxectos de menos de 5´

A San Sadurniño achegaranse algúns dos principais nomes do cinema actual, autores e autoras que están a levar os seus traballos fóra das nosas fronteiras e que fan que, con moi poucos medios, se repare na creación audiovisual galega. Alberte Pagán, Ángel Santos Touza, Alfonso Zarauza, Ánxela Caramés, Beli Martínez, Felipe Lage, Guillermo Arias-Carbajal, Jaiona Camborda, Juan Lesta e Belén Montero, Marcos Nine, Otto Roca, Pablo Portero, Sonia Méndez, Víctor Hugo Seoane, Xosé Manuel Sande e Xacio Baño decidiron apoiar o novo proxecto e, desta maneira, estarán dous días en San Sadurniño e asinarán e desenvolverán produtos de menos de cinco minutos de duración, único límite que se pon a súa creatividade. 

“O Chanfaina Lab quere ser unha mestura de puntos de vista e unha especie de trebón de ideas do que poidan saír proxectos de maior envergadura”

Cal foi a petición da Concellaría de Cultura para o evento? Que todas as parroquias se viran reflectidas nas pantallas en calquera dos proxectos asinados polos novos cineastas, cunha visión conxunta de San Sadurniño mostrando a súa xente, a súa historia ou a súa paisaxe. Do que sairá deses dous días de traballo pouco se sabe agora, algún dos autores adiantou que se achegarán á figura da marquesa ou á luz dos últimos días de verán. 

En principio, o primeiro día está previsto para a elección de localizacións -no que algún xa anda adiantado- e inicio de gravacións que se prolongarán até o domingo. Só en Nadal se poderán ver no propio concello o resultado dos traballos, cando os cineastas regresen cos proxectos xa montados e prontos para dar a coñecer á veciñanza de San Sadurniño. As pezas poderán verse logo desde o web Fálame de San Sadurniño. 

“O Chanfaina Lab -igual que o propio prato que lle dá nome- quere ser unha mestura de puntos de vista e unha especie de trebón de ideas do que poidan saír proxectos de maior envergadura”, sinalan na presentación dun proxecto que ten en Manolo González o seu maior promotor. 

Comentarios