Chan da Pólvora celebra a súa festa de aniversario en Compostela

Breogán Xague, autor de Todos os lonxes, será o encargado de facer o recital de aniversario.
A Horta de Chas de Chan da pólvora (Foto: Chan da Pólvora).
photo_camera A Horta de Chas de Chan da pólvora (Foto: Chan da Pólvora).

A editorial Chan da Pólvora celebra o aniversario da súa primeira publicación este 28 de xuño, a partir das 19 horas, na Horta das Chas de Santiago de Compostela [Corredoira das Fraguas 37, soto], o espazo ecopoético da editora. Breogán Xague, autor de Todos os lonxes, será o encargado de facer o recital de aniversario e, como cada 28 de xuño, tamén se porá á venda un novo libro da colección Rabo de Égua de poesía lgtbi+. Trátase nesta ocasión de Arqueoloxías de amor para a cidade nova, de Francisco Salinas Portugal, ao que Chan da Pólvora lle dedica o Día do Orgullo galego.

Aínda que o proxecto comunal de Chan da Pólvora nace en xullo de 2015, o primeiro título da editorial non aparece até o 28 de xuño de 2016, uns meses despois de inaugurarse a libraría. O volume inaugural foi Querido Eduardo e nel recollíanse as cartas de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor. Con este volume nacían tamén a colección Rabo de Egua e o Día do Orgullo Galego, denominación que une a efeméride do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía da Galiza coas reivindicacións do colectivo lgtbi+.

A Horta das Chas, é un espazo que supón, desde a súa inauguración en 2020, a apertura en Compostela dun ámbito privado de grande interese e singularidade: un predio de 600 m2 que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chás recolle a disposición en socalcos do predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza. A Horta das Chas é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta específica de eco-poesía para Compostela.

 

‘Arqueoloxías de amor para a cidade nova’

Francisco Salinas Portugal, integrante dos célebres colectivos Alén e De amor e desamor, escribiu a primeiros dos anos oitenta Arqueoloxías de amor para a cidade nova, un libro que por diversas causas [pero sobre todo pola súa temática] quedou agachado nunha gabeta. Corenta anos despois, Chan da Pólvora rescátao na colección Rabo de Égua –a única de poesía lgtbi+ do estado– para dedicarlle ao autor o Día do Orgullo Galego de 2024.

Arqueoloxías de amor para a cidade nova é un libro que penetra na maquinaria do tempo e nos devolve directamente á axitación da chamada “década marabillosa” dos oitenta, cando aínda se sentía a represión do franquismo na carne pero tamén o impulso gozoso de deixar atrás a escuridade. É por eses anos, entre 1981 e 1982, que Francisco Salinas Portugal se traslada a París e comeza a elaborar estes versos de sonoridade voluptuosa, afastados das claves sociais pero claramente enfrontados á orde moral da ditadura.

 

Máis en CULTURA
Comentarios