Chan da Pólvora celebra seis anos de vida reabrindo a súa Horta das Chas

Entre os actos de celebración que se desenvolverán, encóntranse un recital de Ana Romaní e Nuria Vil así como a presentación da colección Sentulo
A Horta de Chas de Chan da pólvora (Foto: Chan da Pólvora).
photo_camera A Horta de Chas de Chan da pólvora (Foto: Chan da Pólvora).

A editora e libraría Chan da Pólvora reabrirá o vindeiro 28 de xuño, após a parada obrigada pola pandemia, a súa Horta das Chas para celebrar o sexto aniversario da actividade da editorial.

Este espazo localizado no barrio de San Pedro de Compostela é un predio de seiscentos metros cadrados que forma parte dun ámbito comunal de cultivos. A denominación de Horta das Chas recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio, a asociación A Xuntanza.

Entre os actos de celebración que se desenvolverán, encóntranse un recital de Ana Romaní e Nuria Vil así como a presentación da colección Sentulo, que, segundo Chan da Pólvora é "unha aposta fronte á inflación desbocada e ao encarecemento do papel". Nese desafío, propóñense relanzar a súa colección de libros de man, que se iniciara coa antoloxía Os dentes da mazá.

Para este relanzamento reeditáronse Simún de Nuria Vil, A desvértebra de Ana Romaní ou O gran poema, epopea coa que Constantino Bértolo recuperou o galego para a súa obra.

A editora

Xurdida no contexto dun proxecto comunal que incluía unha libraría, un espazo de arte e unha editorial oral, Chan da Pólvora mantense en activo seis anos despois "cun dos máis relevantes catálogos poéticos das últimas décadas na Galiza".

Contan con máis de setenta títulos distribuídos en coleccións temáticas e levan a cabo accións en colaboración con outras editoriais, institucións, colectivos ou creadores que lle confiren a Chan da Pólvora "un gran dinamismo e unha personalidade propia", segundo indican.

Na actualidade contan con 80 subscritores que son "os alicerces da editora e os seus soportes de difusión", salientan.

Comentarios